Sarria mostra a evolución da gaita de fol

A exposición abre cun concerto de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez no que os músicos explicarán a través de distintas melodías e instrumentos a evolución da música como manifestación cultural esencial.
A mostra exhibe réplicas e orixinais antigos de máis de corenta gaitas de fol diferentes.
photo_camera A mostra exhibe réplicas e orixinais antigos de máis de corenta gaitas de fol diferentes. (Foto: Deputación de Lugo)

O Cárcere de Sarria acollerá do 3 ao 16 de febreiro unha exposicion de gaitas de fol da Peninsula e outros instrumentos musicais, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través do Centro de Artesanía e Deseño.  

A exposición contén unha viaxe pola historia das gaitas de fol, así como unha explicación das diferentes culturas que a empregan na península Ibérica e Baleares. Móstranse réplicas e orixinais antigos de máis de corenta gaitas de fol diferentes, así como numerosos instrumentos de percusión que as acompañaron, facendo especial fincapé naqueles empregados polas mulleres. Contén tamén 30 paneis explicativos, dedicados a explicar a historia da gaita e as características de cada unha das culturas que empregan este instrumento. 

A mostra divídise en cinco partes. Na primeira explícase a orixe da gaita de fol a partir dos antigos instrumentos soprados directamente coa boca, mostrando modelos de gaitas primitivas como as norteafricanas ou algunhas aínda conservadas en Galiza, así como diversos modelos de gaitas e instrumentos medievais relacionados con elas.

Na segunda parte ensínase como aprendían os nenos galegos, repetindo exactamente a historia da gaita de fol na secuencia de instrumentos musicais que empregaban para chegar á gaita de fol dos adultos. 

A terceira parte está dedicada á construción das gaitas, un proceso que non variou substancialmente desde a Idade Media até principios do século XX. Amósanse as ferramentas que empregaron os artesáns peninsulares e explícase o proceso de construción.

Na cuarta parte ensínase como os instrumentos que acompañaron ás gaitas de fol variaron ao longo da Historia. A última parte da exposición fai un percorrido polas culturas peninsulares e insulares nas que a gaita de fol chegou até nós, adquirindo en cada caso características propias. 

Concerto didáctico 

A mostra, coordinada por Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, inaugurarase ás 19.30 horas, cun concerto didáctico no que os músicos explicarán a través de distintas melodías e instrumentos a evolución da música como manifestación cultural esencial. 

No concerto intervirán con 43 instrumentos musicais diferentes. Ademais, contén tamén unha fonda revisión do papel esencial que as mulleres xogan na música.

Comentarios