Sarria e Monterrei enfrontan ao Consello da Cultura e á Xunta arredor do patrimonio

Após presentar o informe que desautorizaba a construción do hotel no Castelo de Monterrei, o Consello da Cultura intervirá agora no conflito provocado pola obra da Confederación Hidrográfica. 

Ponte en Sarria
photo_camera Ponte en Sarria

A Plataforma Sarriana polo Río vén de aceptar a mediación do Consello da Cultura Galega no conflito que hai meses se desenvolve en Sarria na defensa dos seus ríos e o patrimonio adxacente fronte á obra da Confederación Hidrográfica na Vila. 

Foi a propia Plataforma a que se dirixiu ao Consello da Cultura Galega para mostrar o seu agradecemento á hora de protexer o patrimonio de Sarria e “o seu esforzo por axudar a resolver o conflito” producido polo proxecto de adecuación dos ríos e ordenación das marxes do Sarria e Celeiro. 

"Foi a propia Plataforma a que se dirixiu ao Consello da Cultura Galega para mostrar o seu agradecemento á hora de protexer o patrimonio de Sarria"

Acepta desta maneira a “mediación” do CCG co fin de chegar a un acordo entre as partes implicadas. A Plataforma reclama tamén que o encontro se desenvolva o antes posíbel xa que, segundo denuncian, nestes días estase a demoler o estribo esquerdo da Ponte Ribeira, un dos elementos patrimoniais de máis interese. “Segundo o informe emitido polo alto organismo asesor da Autonomía galega, debería ser a ponte a protexer con carácter prioritario”, sinalan. 

O anuncio da Plataforma Sarriana polo Río prodúcese tan só un día despois de que a Xunta confirmara que continuará coas obras do hotel no Castelo de Monterrei, malia o informe negativo emitido pola Comisión de Patrimonio do Consello da Cultura Galega

Patrimonio e veciñanza

Pola súa banda, a Plataforma en defensa do Castelo de Monterrei aplaudiu a publicación do documento “Usos do Castelo de Monterrei”, solicitado pola propia entidade ao Consello da Cultura Galega. En 118 páxinas o órgano asesor en materia de cultura explica as razóns que desaconsellan a construción dun hotel no monumento histórico, proxecto que leva adiante a Xunta coa oposición de numerosos colectivos da comarca. O documento elaborado pola Sección de Patrimonio do Consello recomenda catalogar o castelo como Conxunto Histórico e establecer a figura de protección máis acaída para a súa conservación. 

 "O Consello destaca a relación intensa que se estableceu entre a cidadanía e o seu patrimonio na comarca e os lazos de identidade que se crearon arredor do castelo"

“Cremos que debe revisarse o destino para un uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo dado que xa existe un edificio destinado a este uso a 400 metros do mesmo e que ten problemas de sostemento”, sinalan no informe no que recollen que, desde o punto de vista do Consello sería, no lugar do hotel, máis atinado “facer un plan de viabilidade do parador xa existente, adaptalo ás novas necesidades do turismo, elaborar ou rematar un Plan Director do Castelo que contemple uns detallados estudos previos e que incida no seu papel como elemento dinamizador da comarca, incentivo turístico-cultural e complemento do espazo hoteleiro.”

Destacan tamén a relación intensa que se estableceu entre a cidadanía e o seu patrimonio na comarca e os lazos de identidade que se crearon arredor do castelo. 

Paralizar obras

O Consello reclama no propio documento que a Xunta teña en conta o seu informe “antes de continuar as obras no sentido do proxecto reformado” e proponse para o desenvolvemento de “conferencias de consenso” na busca de “converxencia e síntese dos diferentes criterios e valoracións”.  A Xunta non tardou en darlle as costas ao informe do Consello e anunciar que continuará coas obras do hotel, co argumento das repercusións económicas que o establecemento de, como moito, 13 cuartos pode reportar na comarca. 

Comentarios