DIRIXIDA POR ALBERTE BRANCO

Sarria acolle a primeira Escolma de Cinema Galego

O cineasta Alberte Branco dirixe a 1ª Escolma de Cinema Galego en Sarria, que terá lugar os días 26, 27 e 28 de febreiro na Casa da Cultura.

albertebranco (1)
photo_camera Alberte Branco, director da Escolma

A Casa da Cultura de Sarria acollerá os próximos días 26, 27 e 28 de febreiro a 1ª Escolma de Cinema Galego en Sarria, unha completa mostra que achegará as novas linguaxes do Cinema Galego á veciñanza do concello de Sarria e dos concellos limítrofes. Trátase da primeira mostra que se focaliza exclusivamente no novo cinema que se está a facer en Galiza e que, baixo a marca "Novo Cinema Galego", está sendo recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras como unha nova corrente contemporánea e vangardista que acada ano tras ano multitude de premios a nivel internacional.

En palabras do director da Escolma, o cineasta Alberte Branco, "na última década, o Cinema Galego tivo un espertar que permitiu que agromara moita da creatividade latente" e, así, "non só se incrementou a cantidade e a calidade dos productos audiovisuais, senón que tamén se desenvolveron novas linguaxes na creación cinematográfica, transitando e dialogando dende o local ao global".

Porén, o público apenas coñece os filmes e cineastas que están conquistado os xurados dos principais certames internacionais. "Unha das eivas que ten o actual sistema de distribución", explica Branco, "é que non permite ao público galego coñecer e valorar a creatividade que existe no propio país". "Moitos destes filmes", engade, "a pesar de ser apoiados con recursos públicos, non atopan circuitos e plataformas estábeis que permitan que a sociedade reciba unha parte do invertido". A 1ª Escolma de Cinema Galego en Sarria nace co obxectivo de levantar esa barreira, visibilizando a creación audiovisual contemporánea e diversificando a ampliando a actividade cutural do concello de Sarria. Un concello, que a pesar de ter unha poboación media e de contar ao longo da súa historia con ata media ducia de salas de proxección, na actualidade carece de cine.

A 1ª Escolma de Cinema Galego en Sarria encherá ese oco este mes de febreiro cunha completa programación de proxeccións, mesas redondas e actividades paralelas que converterán a vila luguesa no epicentro do cinema galego máis innovador e rompedor. O director da cita, Alberte Branco, asegura que tanto o tecido asociativo como a memoria colectiva de Sarria estarán presentes na mostra, da que nos próximos días se coñecerán máis datos. Todas as actividades da Escolma, que está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Sarria e pola Area de Cultura da Deputación de Lugo, serán de acceso libre e gratuíto.

Comentarios