Sarria acolle a mostra fotográfica e poética 'Xela Arias. A poesía do retrato'

Sarria acolle a inauguración da exposición “Xela Arias. A poesía do retrato”, unha colección de fotografías realizadas por Xulio Gil á que se lle unen os textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.  
xuliogilxelaarias
photo_camera O fotógrafo Xulio Gil durante a presentación da mostra.(Foto: Nós Diario)

O Concello de Sarria acolle, este sábado, a inauguración da exposición “Xela Arias. A poesía do retrato”, unha colección de fotografías realizadas por Xulio Gil á que se lle unen os textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021, organizada pola vicepresidencia da Deputación de Lugo.  

O acto, no paseo do Malecón da localidade, ten lugar ás 17 horas e conta coa presenza do fotógrafo Xulio Gil, que vai estar acompañado por Darío Gil, fillo da poeta, e Lois Arias, irmán de Xela Arias, ademais da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, do deputado sarriao Efrén Castro e da concelleira de Cultura de Sarria, Reyes Abella.

A mostra consiste nun conxunto de paneis cos retratos e cos textos da autora, que se van distribuír polo centro da vila, de modo que se constrúe un itinerario, con varios puntos de referencia, entre eles  a Capela de San Lázaro, situada na recentemente nomeada rúa Xela Arias e antes denominada de Primo de Rivera, a Casa da Cultura, a Praza da Vila, a Escalinata Maior, o Paseo do Malecón, o Parque do Chanto, a Rúa Ánxel Fole e o Parque Castro Agrasar.

A exposición consta de vinte retratos en branco e negro que dialogan con fragmentos da poesía dispersa da escritora, tradutora e editora sarriá.  Unha colección de imaxes que “permiten mergullarse no universo máis íntimo da autora”, retrátana posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil. Un traballo que se realizou entre os 26 aos 40 anos. “Imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela observa de fronte e con honestidade”, explican desde a Deputación de Lugo.

As fotografías e os poemas preséntanse encadrados sobre macromarcos de aceiro galvanizado e sobre peana de formigón, un formato que se concibiu para a exposición en espazos exteriores, co obxectivo de “achegar a voz poderosa da autora e a súa imaxe icónica ao gran público”.

A inauguración vai contar co acompañamento musical do grupo Malditos roedores que, nun formato a dúas voces, as de Olalla Losada e de Nerea Iglesias, e a guitarra de Borja López interpretarán media ducia de temas musicais.

Mostra en itinerancia

“Xela Arias. A poesía do retrato” vai estar en Sarria até o 20 de maio e desde aí comezará a súa itinerancia até a cidade de Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; deseguido, Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e, finalmente, Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.

Comentarios