Terceira edición da Escolma este sábado

Sarria acolle o mellor do último cinema galego

Sete mostras de entre o máis salientábel da última produción fílmica galega compoñen a terceira edición da Escolma de Cinema Galego, este sábado en Sarria. “Na última década houbo un espertar que permitiu agromar o talento latente”, considera Alberte Branco, Bertitxi, encargado de dirixir o encontro, “e queremos que na parte oriental do país haxa unha fiestra para visualizalo”.
 

DHOGS_Frame5
photo_camera Fotograma de 'Dhogs', de Andrés Goteira.

Agrupado baixo a por veces discutida etiqueta de Novo Cinema Galego, este “espertar” implica “a procura de novas linguaxes e outras maneiras de contar”. Como as que achegan as proxeccións do sábado 24 de febreiro pola mañá no local de La Unión de Sarria: as curtas M Manuel Moldes Pontevdra Suite, de Ángel Santos, QVIASMA de Tono Mejuto, A Rapa das Bestas de Jaione Camborda e Matria de Álvaro Gago.

“Son filmes que despuntan en festivais internacionais, en Cannes, en Locarno ou no Bafici de Bos Aires”, di Bertitxi. Matria, de feito, vén se facer co Grande Premio da Crítica en Sundance e A Rapa das Bestas, con galardóns no Fidocs de Santiago de Chile ou en L'Alternativa de Barcelona.

Pola tarde, en tres sesións sucesivas -ás 16.30, as 18.15 e as 20.15, todas na casa da cultura- será a quenda de Paisaxes da Capelada de Alberto Lobelle, Esquece Monelos de Ángeles Huerta e Dhogs de Andrés Goteira. Esta última é a gran vencedora das nominacións aos premios Mestre Mateo, con 17. Despois de cada pase, autores e traballadores das obras conversarán co público asistente.

“En Galiza hai unha serie de mostras e festivas en que poder ver este cinema, pero o certo é que normalmente a súa audiencia é especializada. A vantaxe da Escolma de Sarria é que o 80% do seu público non é especializado e así poden confrontar con este cinema con alma e con discurso, á marxe do comercial. Ese diálogo é para min interesantísimo”, explica Bertitxi sobre unha xornada organizada polo concello da vila e na que o acceso a proxeccións e outras actividades -os concertos nocturnos en La Unión de Oh! Ayatollah e Contenedor de mierda- é de balde.

Renovación e mulleres

Con fitos como os premios de Oliver Laxe en Cannes -por Todos vós sodes capitáns (2010) e por Mimosas (2016)-, o Novo Cinema Galego continúa reproducíndose. “Unha semana despois da Escolma son os premios Mestre Mateo e os filmes que máis candidaturas cpnseguiron representan a renovación”, entende. Foron Dhogs e mais A estación violenta, de Anxos Fazáns. “A maiores, a renovación non se dá unicamente na dirección, tamén nos postos técnicos e nos postos creativo técnicos”, engade.

Outro factor que salienta Bertitxi, el mesmo director de fotografía con numerosos recoñcementos ás costas, é a presenza cada vez máis habitual da muller. “Este ano, chámame a atención que haxa, tamén por primeira vez, dúas mulleres nominadas a mellor dirección de fotografía”, conclúe. Son Lara Vilanova por Trinta lumes e Lucía C. Pan por Dhogs.

Comentarios