Sara Vila, premio Illa Nova de Narrativa

Sara Vila: "Na busca do noso oco no mundo, as mulleres atopamos máis dificultades"

Xornalista do Diario de Pontevedra, Sara Vila, vén de proclamarse vencedora do V Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos coa novela Oito días sen Eva Cortes. Un galardón que outorga  Galaxia coa colaboración do Ámbito Cultural de El Corte Inglés e do que a autora conversa con Nós Diario.
Sara-Vila
photo_camera A xornalista das Neves, Sara Vila Alonso. (Foto: Rafa Fariña⁣)

-En primeiro, lugar parabéns por este premio. Cóntenos que significado ten para vostede o recoñecemento por Oito días sen Eva Cortes.

Este premio é para min moi importante e foi unha sorpresa, porque aínda que tiña feito algunha cousa no mundo da ficción, e escribir escribo todos os días porque traballo nun xornal, a ficción cústame máis ao non ter unha realidade á que amarrarme.

Así que non enviei a novela ao premio moi convencida, pensaba que se cadra podía haber incoherencias, pero o xurado recoñeceu o meu traballo e iso é unha sorpresa moi, moi boa.

-Son moi positivas as palabras que o xurado lle dedica á súa obra, á achega de tres voces narrativas, á complexidade das personaxes... Como foi que construíu a novela? 

Ao comezo, esta historia, na miña cabeza, era un relato curto, co mesmo argumento, unha xornalista que ten que cubrir o caso dunha rapaza desaparecida e para isto, desgrazadamente hai moitos casos nos que inspirarse.

Despois a cousa foi medrando. A cuestión do ritmo, por exemplo, da que fala o xurado, parte de que estruturei a historia nunha semana, dunha segunda feira á segunda feira seguinte, e ese ritmo mai marcado polas xornadas de traballo e polas noticias que saen ao día seguinte cos avances no caso.

Tamén combino a voz da xornalista, Antía Ubeira, as noticias que saen na prensa e que ela escribe, e achego o punto de vista dunha persoa implicada no caso, ademais do diario privado da rapaza desaparecida, Eva Cortes. Como digo, a cousa foi medrando e, ao ter unha semana enteira, dediquei cada capítulo a un día e o relato foise facendo novela. 

-Como xornalista trata o sensacionalismo mediático e mais a estratificación nas redaccións.

O xornalismo é unha profesión na que hai moita precariedade, na que se abusa da ilusión do principio, e ademais as mulleres, como en todo lugar, levamos a peor parte. Sobre o sensacionalismo, a raíz deste tipo de casos as xornalistas temos que facer autocrítica, xa non só polos clixés machistas nos que podemos caer senón tamén polo puro morbo.

Estas historias son carne de conversa televisiva onde a vítima, ademais de desaparecer de forma involuntaria e moitas veces perder a vida... perde tamén o dereito ao anonimato, á propia intimidade. Todo iso está reflectido na novela, nas situacións nas que se ve a xornalista que a protagoniza, as súas dúbidas sobre se está a ser sensacionalista ou non... Algo que coido que nos pasa a todas as que tratamos de facelo ben. 

-Como pensa que podemos evitar caer nese morbo?
É moi importante escoitar porque, ás veces, miramos demasiado o noso embigo e non podemos ser alleas ás recomendacións que nos fan desde colectivos ou movementos sociais, máis familiarizados co tratamento de certo tipo de casos, como a violencia machista.

É moi importante iso, perder un pouco dese ego que se nos atribúe ás xornalistas e que moitas veces é certo, debemos saber que non imos ter a razón en todo e que non nos podemos amparar nese dereito que temos a dar información se tamén achegamos o noso punto de vista ou pomos unha venda nos ollos.

-Galaxia explica que a obra "repasa asuntos que atravesan a todas as mulleres". Como achega esa perspectiva do feminino e mais do feminismo?
Parto da base de que son unha muller e considérome feminista, por tanto é inherente a min ter esa visión e entender a vida dunha muller desde a súa postura socialmente subordinada con respecto do home e iso vese tamén na novela.

Para min as dúas protagonistas, a xornalista e a rapaza desaparecida, Antía e Eva, son dúas mulleres que o que fan é simplemente buscar o seu lugar no mundo, o modo de seren felices, o seu refuxio, o seu lugar.

O problema chega porque nós, as mulleres, cando tentamos atopar o noso oco no mundo tropezamos no camiño con moitos máis problemas e moitas máis dificultades que os homes. Todo iso está na obra, desde unha muller que desexa ser nai e non é capaz e que chega ao punto de cuestionarse se realmente o quere ou se é unha imposición social, até o medo a saír á rúa cando na túa cidade desapareceu unha rapaza, que poderiamos ser calquera de nós.  

-O xornalismo déixalle tempo para outros proxectos?
Isto púideno facer polo confinamento, porque estivemos fechados durante varios meses... Os xornais tiveron que aplicar ERTE... e iso deixoume tempo. No meu día a día non sei se sería quen de coller o fío dunha novela, comezala e rematala. 

"Prosa sólida e magnífico ritmo"

O xurado do V Premio Illa Nova de Narrativa destacou da obra de Sara Vila, Oito días sen Eva Cortes, "a súa prosa sólida e o magnífico control do ritmo desde o inicio", ademais de valorar o tratamento de temas como o sensacionalismo nunha historia de desaparición que semella "que se resolverá en cuestión de horas porque todo apunta a que a rapaza tivo unha festa de fin de semana demasiado longa".

Mais o caso prolóngase e a xornalista que segue o tema, Antía Ubeira, cada vez implícase máis. "Ao principio ten certa desidia pero no fondo non é unha mala xornalista", explica Sara Vila, "senón que simplemente está cansa, frustrada..." . 

Oito días sen Eva Cortes tamén achega a perspectiva "dunha implicada no caso e no relato vai aparecendo como os medios de comunicación tratan o caso, desde prexuízos xenófobos, machistas...", recalca.

Comentarios