Santiago torna no epicentro da xestión e a creación musical co SiSons

O evento que reúne profesionais do sector comeza esta quinta feira e remata o domingo.
Unha das actuacións da edición do pasado ano. (Foto: SiSons)
photo_camera Unha das actuacións da edición do pasado ano. (Foto: AC Tres por Catro)

Música ao vivo, relatorios e outras actividades protagonizan esta semana en Compostela o SiSons Enclave Musical, un evento multidisciplinar organizado por Musicarte e a Asociación Cultural Tres por Catro, en colaboración co Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta. O SiSons comeza esta quinta feira cun showcase da man do músico Miguel Alonso no Museo do Pobo Galego, contra as 12.30 horas.

Acto seguido haberá, na mesma ubicación, un espazo de networking entre profesionais do sector, isto é, un encontro para tecer e aumentar a rede de contactos.

Ás 18 horas será a quenda, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), do showcase de Madalena Gamalho, que vén de presentar o seu primeiro disco en solitario, Invento, e inmediatamente despois a artista Nani Noam Vazana e Ivette Romero, executiva de VisualPubliNet, conducirán un relatorio sobre 'Modelos de xestión' no sector cultural. A xornada desta quinta fecha coa actuación, tamén no CGAC, da banda Moito!.

O SiSons continuará na sexta feira, ás 10 horas no mesmo espazo, cunha ponencia de Xoán Quintáns, do Festival Revenidas; Sheila Patricia, de Xeitosa Producións, e José Saavedra, de Musicarte e Tres por Catro, sobre a 'Promoción de artistas', e contra as 11 horas haberá unha actuación de Sheila Patricia. Ás 13.15 horas fará o propio o grupo Límbico.

Após o descanso para xantar, ás 16.30 horas, organizarase unha visita guiada ao pazo de San Roque, onde, ás 17 horas, Nani Noam Vazana ofrecerá un novo showcase, que dará paso media hora despois á charla de Carmen Zapata e Jorge Gómez titulada 'Outras latitudes', unha actuación de Adhara&Ritman e, para rematar, un concerto de MIP, ás 19.30 horas, na Salle.

O sábado virá o prato forte, con concertos, entre as 12 e as 18 horas, de Miriam Sandoval, Meu Rock, TanDub, Dalek Dúo e Sheila Patricia, e o domingo o SiSons baixará o pano no centro sociocultural de Conxo co grupo EntrElas e un acto de despedida.

Comentarios