Santiago Martínez: "Igual que mudamos nós como seres humanos e a forma de manexarnos, mudou o Entroido"

No obradoiro de arte Arrebol de Xinzo de Limia as pantallas nacen todo o ano para estar a punto no Entroido. As mans de Santiago Martínez levan máis de trinta e oito anos elaborando de maneira artesanal unha das máscaras máis coñecidas desta festa na Galiza. Con el traballa Aurora Dacal, artesá especialista en cartón pedra e en arxila polimérica. Malia o tempo que levan como artesáns, agora animáronse a estabelecer un obradoiro físico e para este mesmo verán pensan dar a coñecer as súas técnicas a través de cursos abertos ao público en xeral.
Santiago Martínez Santana e Aurora Dacal Castro no seu obradoiro en Xinzo de Limia (Fundación Artesanía da Galiza).
photo_camera Santiago Martínez Santana e Aurora Dacal Castro no seu obradoiro en Xinzo de Limia (Fundación Artesanía da Galiza).

-Como naceu a súa relación coa pantalla?

A pantalla naceu dentro de min. Eu medrei nunha casa grande na rúa dos viños, onde estaban elas. Con tres anos collín a primeira na man e non quería devolvela, mais até os cinco non din conseguido unha. Comecei a facelas cortando o sombreiro de man que traían á feira e saíanme moi mal por non saber facelo.

Despois coincidín con Julio Villarino, que estaba maior mais a carón del foi cando aprendín e convenceume de que podía facelas moi ben cando eu só quería crear a miña. Daquela estaba como prohibido vendelas. A xente reuníase nunha palleira e arranxabamos como podiamos.

-Cantos segredos ten facelas?

Moitos. Os ollos das pantallas teñen que mirar para o ceo, por exemplo. Cortas o gorro e os ollos van cosidos. O engrudo faise con fariña triga e auga fervendo, mais iso si, hoxe en día non lle damos voltas cun pau. O cartón é reciclado e antes era moito mellor que agora, case era como coiro que non rompía aínda que se mollara. Por sorte, cando comecei tiña un amigo que traballaba distribuíndo xornais e non tiña que entregar os que lle sobraban. Aínda me quedan de hai trece anos e era un papel bo, non como agora, que se desfai todo. Cando remate cos que teño non sei que facer! 

Para min o máis importante é o corte. Tento preservalo. Unha vez que se comercializan hai que deixalas perfectas, igual que pasou en Verín cando había cigarróns mal tallados ou mal pintados. A pintura si variou para ben e son mellores que as de antes, que se borraban cando chovía.  

-Que significado ten a pantalla para a xente de Xinzo?

É algo máxico. Para quen o vive e se lle mete dentro é unha máscara moi especial. Mesmo as rapazas e os rapaces, no momento que a ven, xa lles chama a atención.

-Leva moito tempo facer unha pantalla?

En todo o ano podo facer entre 20 e 30 pantallas. Facela leva moitas horas para que o papel remate por converterse nun material como a madeira. Até que non me queda ben, non as pinto. Ao mesmo tempo ten que quedar elástica para podela colocar na cabeza. Fágoa coa mesma ilusión como se fose para min. Logo se non sabes saír con ela xa non é o meu problema. Agora hai quen as fai só por diñeiro e con moldes.

-Como se sae coa pantalla?

Hai que bailar e estar en forma. Moita xente xa non o fai por ese motivo. Logo está a tradición de coller varios para que nos inviten a un viño, algo cada vez máis difícil cos prezos que hai hoxe en día. 

-O Entroido de Xinzo mudou cos anos?  

Cambiou por completo, e non o digo pola pantalla. Pasou en todos os lados. Igual que mudamos nós como seres humanos e a forma que temos de manexarnos na sociedade, tamén mudou o Entroido. Agora hai máis festas de noite, máis tolo e polas mañás máis baleiro cando antes era ao revés.

-A xente entende e valora este tipo de artesanía?

A artesanía xa hai anos que está tocada. A xente non ten en conta que cada peza leva moito traballo. Caso á parte é a pantalla. Por sorte temos clientela que quere ter unha máscara feita con tempo. Aínda así, xa temos aquí quen as fai con moldes e con pasta de papel, que aforran tempo e material. Se queremos manter a tradición non se poden permitir certas cousas. Agora aquí en Xinzo hai catro artesáns que fabrican pantallas despois de que, hai uns trinta anos, fixéramos un curso para o concello. 

Comentarios