luns 06/12/21
Santiago Martínez é mestre forxador

Santiago Martínez: "Hai futuro na forxa porque hai moito patrimonio que manter e salvar"

O mestre forxador de Compostela, Santiago Martínez Otero, 'Chago', fíxose co Premio Richard H. Driehaus das Artes da Construción 2021. Este certame estatal concede, na categoría de traballos tradicionais do metal e do vidro, ao responsábel de Forxa Chago o galardón pola súa traxectoria, na que se atopan importantes traballos de restauración realizados en edificios como a catedral de Santiago ou a de Tui.

Santiago Martínez. (Foto: cedida)
Santiago Martínez. (Foto: cedida)

-Como nace a súa inquedanza pola forxa?
Cando era pequeno e ía á escola do Castiñeiriño, sempre miraba para o taller dun ferreiro que había polo camiño. Fun traballando de varias cousas e cando abriu a Escola Taller de Santiago apunteime de cabeza. Pasei por varios talleres e empresas e, cando un compañeiro ía plantar o seu negocio pola mala situación que estaba a pasar, animeime, collino con el e fomos aumentando a clientela e tendo cada vez máis traballo até o día de hoxe. 

-É vostede un referente en traballos de restauración do metal. Cales foron os seus primeiros proxectos?
Sempre me interesou a restauración. Indaguei moito sobre as técnicas utilizadas antigamente para crear as pezas e así poder respectalas e utilizalas nos traballos correspondentes. O primeiro traballo de restauración que fixen foi na fachada do edificio que hoxe é o bar Riquela. A partir de aí, desenvolvemos proxectos na Colexiata de Sar e despois xa foi un sen parar, unha peza tras outra até a catedral de Santiago. Mais isto foi un proceso longo, de anos, traballando por todos os recunchos de Santiago, facendo mil cousas. Non hai rúa en Compostela, da zona vella ou da nova, que se libre de eu andar aí coa zoca. 

-Como foi traballar na restauración da catedral?
Foi un dos traballos que máis respecto me deu realizar. Poder obrar na fachada, as crucetas, bólas, o Pórtico, as reixas, a Porta Santa, o ciborio ou os eixos da zona norte e sur da catedral, unhas estruturas metálicas enormes que van por dentro das pedras e que non se ven... deron o seu traballo. Ao non contar cun plano, tes que ir debullando con moito detalle cada peza para interpretar e entender o por que da construción desa maneira. Ás veces parece que non ten lóxica ningunha, mais co tempo de estudo decátaste de que teñen toda a do mundo. 

As pezas que tivemos que estudar con moito detalle foron as da reixa da fachada principal da catedral, onde atopamos moitas pezas alteradas, que non estaban no seu estado orixinal, e nós non podemos inventar a peza porque sería falso historicamente, sempre usamos a técnica propia. Por sorte, apreciábanse as técnicas e conseguimos recuperalas.   

-O seu traballo de restauración no patrimonio galego foi unha das razóns polas que se lle concedeu este premio. Que sentiu cando llo comunicaron?  
Moita satisfacción e orgullo, mais sobre todo responsabilidade polas características do premio. Facerse un nome é unha cousa, pero mantelo é outra. Sinto que este galardón, ao estar entre un dos maiores recoñecemos que o sector da arquitectura e patrimonio pode dar, obrígame a ser moito máis pulcro e perfeccionista no traballo que está por vir. 

-Que traballo de restauración lle gustaría realizar que aínda non fixo? 
Espero algún día poder intervir, aínda que só sexa nunha peza pequena, en calquera das obras do grande Antoni Gaudí e do seu discípulo Josep María Jujol. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

-No seu taller tamén forma novos ferreiros. Que futuro ve vostede que lle depara aos forxadores? 
Poderíase dicir que hai futuro, porque hai moito patrimonio que manter e salvar e moita demanda de deseños non industriais. No caso das novas xeracións de forxadores, hai que ter en conta que como mínimo precisas tres anos para formar a unha persoa, investindo cartos que despois non sabes se se van recuperar e que o Estado non axuda, malia estar realizando traballos de ensinanza

Santiago Martínez: "Hai futuro na forxa porque hai moito patrimonio que manter e salvar"
comentarios