Contracultura

Santiago Besteiro: "Traballo cos materiais cos que aprendín a crear, tento utilizar materias primas naturais"

Santiago Besteiro, artesán, é o responsábel de deseño e fabricación na súa marca, Santiago Besteiro Design, que vén de recibir o Premio Nacional de Artesanía ao Emprendemento. Besteiro aborda os seus inicios coa marroquinaría e cos materiais que emprega hoxe en día, tamén para a elaboración de pezas de interior xa que, como el di, “ver o éxito que tivo esta liña fixo que decidira diversificar as coleccións”.
 
O artesán Santiago Besteiro comezou deseñando bolsos e pequena marroquinería (Foto: Nós Diario).
photo_camera O artesán Santiago Besteiro comezou deseñando bolsos e pequena marroquinería (Foto: Nós Diario).

Que significou saber que gañara o Premio Nacional de Artesanía ao Emprendemento?

Calquera premio ou mención sempre é un recoñecemento ao esforzo e ao traballo do día a día que require sacar adiante un proxecto deste tipo. É algo que che fai sentir agradecido, que anima a seguir e que sintas tamén que se recoñecen a filosofía e os principios cos que desenvolves o teu labor. A artesanía ao final é un produto que ten moitas horas e que, no fondo, é unha elección para as persoas consumidoras que implica en moitas ocasións un esforzo económico. 

Non é como o pan, non é unha necesidade básica, entón son proxectos complicados de sacar adiante, aínda que tamén hai un público para eles. 

Como naceu Santiago Besteiro Design?

O proxecto comezou en xaneiro de 2018 coa intención de unir os coñecementos de todo o que estudara con anterioridade. Estiven na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo, despois fixen Belas Artes e, ao rematar, pensei se facer un mestrado, mais tampouco lle vía moita máis saída e para min era prolongar o enfrontarte ao mercado laboral. 

Decidín apostar polo deseño de produto e, dado que tiña coñecementos de varias artesanías, comecei cunha colección de bolsos e pequena marroquinaría. Logo xa se foi estendendo a proxectos que teñen máis que ver co deseño de interiores ou con pequenas esculturas. 

Como foi esta evolución?

Esta vía xurdiu principalmente pola asistencia a un salón en Estrasburgo no que organizan sempre unha exposición. Pídenche que elabores unha peza para participar e, en 2019, o tema era o tallo. A raíz de facer un para esa exposición comecei a botarlle o ollo a máis cousas relacionadas co deseño de interiores e o feito de ver o éxito que tivo esta liña fixo que decidira diversificar as coleccións.

Na marroquinaría é máis complicado entrar no mercado, porque cos bolsos compites con moitísima xente. É máis sinxelo facerte un oco con pezas de decoración e de interiores. Nestes momentos estou nunha transición. Sigo facendo bolsos, seguimos sacando marroquinaría, mais tamén outro tipo de pezas e a idea este ano é sacar máis proxectos que teñan que ver co interiorismo. 

Xa non estou a deseñar novos bolsos nin proxectos que teñan que ver coa marroquinaría. Por outra parte, tamén vou facendo colaboracións con outras persoas do mundo do deseño, así como con marcas como Loewe. En concreto con esta marca comecei a traballar en 2021 nun proxecto para o Salón do Moble de Milán e este ano repetiremos. 

Por que centrarse en materiais como o coiro, a pedra e a madeira?

Céntrome nos materiais cos que fun medrando. Desde os 11 anos comecei a vivir en Leborei e sempre tiven moita relación coa aldea e a natureza. Aos 17, tiven unha escola obradoiro na que estiven aprendendo cantaría, polo que estiven uns anos moi emocionado coa pedra e a súa talla. Iso levoume a ir á escola de arte e aí fixen artes aplicadas á escultura en madeira e tiven unha materia sobre o coiro, co que comecei a ter máis contacto a partir de aí. 

Son os materiais cos que aprendín a crear, mais tamén os que coinciden coa filosofía de intentar utilizar materias primas naturais que non teñan un impacto medioambiental forte. Se tiro os meus bolsos van podrecer, porque están feitos de pel natural, e a madeira só está rematada con aceites. 

Para min é importante ter esta conciencia, e entón é importante para o que fago. Non ten sentido estar a favor do ecoloxismo e no teu traballo contaminar moito. Ademais, tamén as sensacións que producen, non é o mesmo acariciar un plástico que unha madeira. Sempre me pareceu interesante e foi un dos conceptos que quixen usar para elaborar a marca.  

Comentarios