Sanidade paraliza a produción do secado artesán de congro

A produción de congro seco ten máis de seis séculos de historia na Galiza. Sanidade decidiu paralizar o 21 de febreiro o secado ao aire libre argüíndo que non se pode incluír como excepcións a alimentos artesáns, o que derivou nun movemento veciñal en defensa dunha actividade que consideran patrimonio etnolóxico. Os dous secadoiros que se conservan na península están en Muxía, o da Pedriña, ademais, é o único que conserva unha produción totalmente artesá.
O secadoiro artesá de congro da Pedriña, no ano 2019. (Foto: Pedro García Vidal)
photo_camera O secadoiro artesá de congro da Pedriña, no ano 2019. (Foto: Pedro García Vidal)

No medievo eran moitas as persoas que chegaban a Muxía desde a localidade aragonesa de Calatayud na busca de pezas de congro dos secadoiros da ribeira. O producto é recoñecido como unha delicia para o padal moi recoñecida que se segue consumindo hoxe.

Non só en Calatayud se cociña a receita dos garavanzos á bilbitaína, que ten como ingrediente principal o congro de Muxía, tamén é parte da cultura culinaria doutras localidades de interior en Castela, A Rioxa e Aragón, en España, ou Reus, en Catalunya.

En Muxía consérvanse os únicos secadoiros de congro de toda a península Ibérica, o dos Cascóns e o da Pedriña, sendo no último o proceso de curación e secado do peixe totalmente artesán. A importancia dos secadoiros de congro vai máis alá da propia produción, pois convertéronse nun símbolo do patrimonio etnolóxico, constituíndo ademais un polo de atracción turística.

Paralización da actividade por parte de Sanidade

O secadoiro da Pedriña segue á espera de coñecer o futuro da súa actividade, despois de que Sanidade, nun informe asinado o 21 de febreiro resultante dunha inspección que tivo lugar o 7 do mesmo mes polo Servizo de Inspección Veterinaria de Noia, ordenase a paralización da actividade explicando que o secado ao aire libre non se pode incluír como excepción de alimentos con características tradicionais permitidas na regulamentación de hixiene e seguridade alimentaria.

O Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellaría de Sanidade notificou este 8 de marzo que se realizarán análises para comprobar a inocuidade dos produtos -incautados na inspección- producidos polo secadoiro-. De ser os resultados positivos sinalan que se procederá "á liberación da mercancía intervida", mais en caso contrario, que se continuará co procedemento "polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria".

Ademais, segundo sinalou a Nós Diario a impulsora do movemento veciñal Salvar os Secadoiros de Congro de Muxía, a pintora Viki Rivadulla, Sanidade impuxo o 28 de febreiro unha sanción de 5.800 euros a este secadoiro, "que pon en perigo a súa viabilidade", por non entregar unha documentación na inspección realizada, "sen aviso previo e sen a presenza do titular", quen xa ten presentado unha alegación na que adxunta estes escritos. Rivadulla tamén explica que o secadoiro dos Cascóns lamentou nunha reunión co Concello que os "requirimentos continuos" da Administración galega están complicando a súa actividade. 

Porén, a impulsora do movemento veciñal mostrouse satisfeita do apoio que está a ter a iniciativa por parte de persoas de diversos ámbitos como a arte e a cultura, a antropoloxía e a historia, así como da sociedade civil en xeral. Sinala que todas as persoas ás que se lle solicitou apoio prestárono, e resaltou que isto proba que "os secadoiros son un patrimonio de toda a Galiza que sentimos como un legado da cultura do mar".

Promoción da Xunta nos secadoiros hai medio ano

Unha das circunstancias que son sinaladas desde o movemento veciñal de incoherencia é o que o propio Executivo galego, que agora coloca nunha "situación complicada" a actividade nos secadoiros, fixera un acto de promoción na súa localización en outubro de 2021

No contexto do programa 'Écociña no camiño', o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañou o alcalde Muxía, Iago Toba, e profesionais da cociña que participaron nun showcooking na contorna do secadoiro de congro dos Cascóns. Coa escolla deste lugar, tíñase a intención de valorizar o Camiño de Santiago, os produtos galegos e a cociña sostíbel e autóctona.

Pola súa parte, o alcalde de Muxía, o socialista Iago Toba, manifestou que "hai que pórse a traballar xa para facer que os dous únicos secadoiros sexan apreciados como o que son, un ben cultural e etnográfico ademais do medio de vida de familias". Nun comunicado, o mandatario afeou a actitude da Consellaría de Sanidade lembrándolle que "non falamos dunhas prácticas mal feitas, falamos dun secado ao aire que ten que ser así porque é a forma tradicional de curar o peixe".

O deputado carballés do BNG Daniel Pérez reuniuse coa familia propietaria do secadoiro da Pedriña e presentou unha proposición non de lei no Parlamento da Galiza ao respecto. Rexistrada o 28 de febreiro, solicita adoptar "as medidas que sexan necesarias para garantir a supervivencia dun oficio inmemorial e que garantan que o derradeiro secadoiro de congro que aínda segue un método artesán poida continuar coa súa actividade". 

Outras peticións son o asesoramento aos secadoiros e modificacións normativas para que a continuidade desta produción sexa posíbel, explica o deputado en conversa con Nós Diario.

Comentarios