Os motivos de que festexemos tanto a noite do 24

San Xoán, a noite meiga

San Xoan é unha das festas con máis seguimento de todas as que poidamos facer en Galiza. Cada un festexa esta noite no seu pobo ou móvese a algún outro para prender a cacharela ás 00.00 horas, do día 24 de xuño. Tamén poida que sexa a festa, en nome dun santo, menos relixiosa.

Un neno observa as lapas na noite de San Xoan
photo_camera Un neno observa as lapas na noite de San Xoan. 'CC BY-3.0-ES 2012/EJ-GV/Irekia-Gobierno Vasco/Mikel Arrazola'

A segunda metade de xuño, nada ten a ver coa primeira. Dá igual o tempo, dan igual as obrigas que un teña e dá igual o que se faga, sinxelamente frota no ambiente. Un día calquera espertas e ule a verán nunha mañá de sol. O olor de xuño é tremendamente específico e vai variando até a noite do 24. Da polinización ao aroma das cremas solares dos primeiros días de praia, para chegar a un solpor con olor a sardiñas que vira en noite de cinza.

Un non sabe que é xuño até que chega o San Xoan. Aserrín, aserrán. Soan as campaíñas e comeza o verán. Xuntámonos cos máis achegados, facemos unha fogueira, comemos sardiñas e churrasco e contamos contos ben entrada a noite. Uns báñanse, outros beben, outros, as dúas cousas e ao final saltamos a fogueira. Por que o facemos? Pois porque é o que se fai, mais, agora ben: Por que se fará?

Tradición pagá ou cristiá?

O Litha era unha tradición pagá celebrada principalmente no norte de Europa. Era unha festa solar que festexaba o solsticio de verán. O rito a seguir era encender unha fogueira na madrugada do día 21, momento no que daba comezo o verán. Durante a noite máis curta do ano os celtas rendían culto ao sol, que dende ese día iría baixando dende o seu apoxeo durante os seis meses seguintes. Os antigos celtas encendían fogueiras circulares en lugares sagrados, sempre preto de fontes, e lanzaban rodas encendidas por unha ladeira, a xeito de metáfora da perda de forza do sol a partir do solsticio.

Despois de miles de anos, o quid do festexo segue xirando en torno ás cacharelas e á comida

Hoxe en día a tradición non é moi diferente. Despois de miles de anos, o quid do festexo segue xirando en torno ás cacharelas e á comida, que foi algo propio de calqueira festa humana dende o albor dos tempos. A única diferenza e o movemento de tres días no calendario con respecto ao solsticio.

Porén, segundo a tradición cristiá o 24 de xuño marca o nacemento de San Xoán, seis meses exactos antes que o de Xesús. Mais esta noite de San Xoán, aínda que non sexa o festexo do solsticio, si que se viu moi influida e adoptou os ritos precristiáns, como acender as cacharelas para dar forza ao sol ou saltar a fogueira para liberarse de enfermidades. Durante momentos históricos mesmo se facía sair ao gando a pasear entre as fogueiras para afumalos e, así, liberalos de futuras doenzas.

Auga e herbas de San Xoán

San Xoán chega en pleno apoxeo de variedade da flora galega. O final da primavera e o paso ao verán enchen o noso monte e campo de diversas prantas e flores que, ademais de espirros nos alérxicos, proporcionan un intenso aroma nas zonas libres do fume das grandes urbes. O olor a San Xoán é o olor das herbas, esas mesmas que se deixan na madrugada do 23 ao 24 nun caldeiro con auga á intemperie, para despois lavarse a cara con elas de boa mañá, para que a auga e as primeiras raiolas de sol nos bañen a cara e a protexan a nosa pel, ao tempo que a rexuvenecen.

As principais herbas de San Xoán son a abeloura, o fieito, a malva, o romeu, a dedaleira, o codeso, a herba luísa e o fiúncho.

As herbas de San Xoán varían en función da zona, mais é ben certo que a maioría son comúns a todos os recunchos de Galiza. As principais son a abeloura, o fieito, a malva, o romeu, a dedaleira, o codeso, a herba luísa e o fiúncho.

Sardiñas e cachelos

Para os máis novos o churrasco é indispensábel nesta noite, mais só o é porque as sardiñas están moi caras. Pasado o 20 de xuño mercar sardiña na praza faise misión imposible e o seu prezo fai fuxir delas aos menos convencidos. Mais chega a tarde do día 23 e o mundo arrecende a sardiña e, para os olfatos máis sutís, tamén ao loureiro que acompaña aos cachelos na ola.

As festas conmemoran tradicións ancestrais ou datas chave relixiosas. Nelas cúmprense unha serie de ritos, mais sempre. Repito: Sempre a comida é o máis importante. Facemos festas para comer. Na noite meiga poden faltar as nosas bruxas máis propias, pode faltar a auga e as herbas e poden faltar as cacharelas, mais iso si, gardade unhas ascuas para arrimarlle a unhas sardiñas e para cocer unha pataquiñas destas que xa se comen coa tona, porque iso si que é imprescindíbel.

Comentarios