Tres semanas de escavación no concello de Xove

San Tirso, entre os castros e o medievo

O pasado 28 de setembro iniciouse en Xove a escavación do xacemento de San Tirso de Portocelo, durante tres semanas, as sondaxes realizadas por Cado Arqueoloxía sacaron á luz unha necrópole altomedieval e varias vivendas castrexas galaico romanas. Indagamos sobre a importancia dos achados e a continuidade das escavacións da man de David Fernández Abella, encargado da dirección do proxecto. 
Diversos momentos da escavación. / Nós Diario
photo_camera Diversos momentos da escavación. / Nós Diario

O Goberno municipal de Xove adquiriu a parcela na que se insiren uns vestixios arqueolóxicos vencellados a un mosteiro fundado no século VIII por Rodrigo de Coímbra, un frade chegado desde a localidade portuguesa fuxindo das invasións islámicas a finais dos anos 700.

Mais na área na que se sitúan os restos deste mosteiro tamén se observan muros e fosos que daban conta da presenza dun castro. Así o evidenciaron anos atrás os membros de Mariña Patrimonio e o divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Manuel Gago.

Accións unhas e outras, por parte do concello e de divulgadores da arqueoloxía e do patrimonio, que deron agora no remate das escavacións levadas a cabo por Cado Arqueoloxía ao longo de tres semanas.

O pasado 28 de setembro comezaban os traballos de sondaxe cun equipo conformado por catro arqueólogos, un topógrafo e un piloto de drons. Nas primeiras catas produciuse a sorpresa: no canto de atoparen o esperado castro, descobren unha necrópole altomedieval.

Nas dúas seguintes semanas avanzan a descuberta de varias vivendas castrexas da época galaicorromana nunha área "ben selada cronoloxicamente", indica o director deste traballo arqueolóxico, David Fernández Abella.

Restos cerámicos, un muíño ou unha doa dun colar, segundo algúns autores procedente do comercio fenicio, son parte dos obxectos que agora se estudan e que nun prazo de seis meses conformaron a memoria final da investigación.

Desde o concello de Xove xa se deu a coñecer a intención de continuar as escavacións unha vez superada esta valoración inicial. Así mesmo, os obxectos atopados durante as escavacións pasarán a integrar os fondos do Museo do Castro de Viladonga.

Necrópole do alto medievo e xoias do comercio fenicio

David Fernández Abella conta que xa "a priori era un xacemento especial porque xa se supoñía que tiña dúas partes claramente diferenciadas".

Refírese o arqueólogo á fortificación, que se cría que sería un castro da Idade do Ferro ou da época romana que tiña implantada no seu sistema defensivo unha igrexa parroquial. Esta sede, segundo a documentación conservada, databa do século VIII.

"Traballamos sobre o interior do castro e a primeira sondaxe fixémola próxima ás murallas e relativamente próxima á igrexa" conta o director da escavación.

Nese momento aparece unha necrópole, o que para os investigadores é "entendíbel porque a podemos vencellar a esas fases de ocupación altomedieval do mosteiro, pero foi unha sorpresa porque se atopaba nun lugar onde debían saír restos do castro e non do mosteiro", comenta David Fernández.

Así, na primeira semana de traballo aparecen cinco tumbas cunha delimitación que marcaba o lugar do enterramento.

Segundo o arqueólogo, "a falla de confirmalo con análises, todo parece indicar que se trata dunha necrópole da época altomedieval". "O que nos falta é definir se estamos a falar da primeira etapa do mosteiro ou dunha máis avanzada".

 No espazo de revolto que provocan na terra os traballos agrícolas pero tamén os enterramentos, os investigadores tiran a conclusión de que " ao soterrar os monxes e as monxas dentro do castro o que fan é, seguramente, escavar e atopar restos arqueolóxicos da época do castro que revolven".

Desta maneira, conta David Fernández, "na necrópole atopamos restos de material cerámico, escouras de fundición, saiolas típicas e unha doa de colar de pasta vítrea e, polo que din a maioría de autores, de cronoloxía prerromana e vinculada ao mundo fenicio e ao comercio". Unha peza que para o director deste traballo "ten unha beleza moi chamativa por si mesma".

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]

Comentarios