“San Juan is back”: as festas “populares” da Coruña que superan os 600.000 euros

acoruña

Máis de 600.000 euros investirá o goberno municipal da Coruña na realización das Festas de San Xoán -baixo a lenda de "San Juan is back-", un festexo tradicional na que a cidadanía prendía lume comunitario nos barrios e que a política municipal está a converter nun grande festival musical nas praias da cidade. 

Só do IMCE, Instituto Municipal Coruña Espectáculos, ao “San Juan is back”, irán máis de 445.000 euros, aos que cómpre sumar máis de 30.000 euros de Turismo e unha cantidade que non se especifica en Medio Ambiente, destinada en especial ao forte investimento en limpeza e tamén na compra e traslado de madeiras para as fogueiras. 

O IMCE aumenta así os orzamentos para o San Xoán un 22,85%, desde os 398.470 euros do pasado ano. O BNG fixo público o desglose dos gastos para as festas por parte do Instituto que, segundo puido saber, pode ter custado aínda un 10% máis do constatado. Entre as partidas que mostra polo miúdo destacan os 65.945 para o concerto de Los Secretos, os 31.460 para Nacha Pop, La Unión e Los Limones, os 50.820 para Festival Rock-Roll star, un 18.150 para a construción da falla, 20.900, para as fogueiras, 29.000 para montaxes, aluguer de carrozas ou equipos de son, 19.650,40 para mupis publicitarios, 16.000 para bandeirolas e 8.772, 50 para pantalla LED. Todo isto, sen contar os gastos de Turismo, que se fai cargo da páxina web, o vídeo, o sorteo de viaxes ou o posicionamento online ou os da Consellaría de Medio Ambiente que asume o gasto de 150 toneladas de madeira, 54 sanitarios e a limpeza das praias. Amáis habería que sumar a publicidade, pagada desde a Alcaldía, e outras actividades asumidas por outros organismos públicos como o Consorcio para a Promoción da Música.

Críticas desde o BNG: "De San Xoán nunca marchamos"

A concelleira nacionalista Mª Xosé Bravo critica o desbaldimento de recursos públicos en que incorrería o goberno de Negreira e mesmo a propia lenda “San Juan is back!”, sendo que ao seu ver, “na Coruña non hai que dicir que a xente volva ao San Xoán, e menos en inglés, xa que son as celebracións máis tradicionais da cidade, na que a maior parte da cidadanía sae das súas casas para partillar nas festas populares”. Contra esa tradición  da Coruña, Mª Xosé Bravo lamenta o modelo que se está impondo dun macrofestival que invade as praias, con grupos musicais de grandes custes e unha proposta nada sustentábel que enche as praias de lume que contribúe á contaminación. 

“A festa non precisaba moito máis, estaba na nosa tradición e mesmo hai propostas que non só non gustan á veciñanza, senón que perturban unha proposta festeira na que todo o mundo participaba”, sinala Bravo, despois de debullar os gastos dunhas festas que ven incrementados os seus orzamentos “nunha época de recortes en dereitos sociais e de encarecemento da vida actual, nunha cidade na que hai máis de 22.000 persoas en situación de desemprego”, sinalan desde o BNG, que defenden unha “festa popular, participativa, familiar, de altísima implantación en todos os barrios da cidade que non precisa tantos milleiros de euros nin de adobío ningún”.

Comentarios