O San Froilán de Lugo contará con máis de 200 actividades e recuperará as casetas de polbo

A vindeira terza feira, 4 de outubro, comezan as festas de Lugo, e durarán até o día 12.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo. (Foto: Deputación de Lugo)
photo_camera A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo. (Foto: Deputación de Lugo)

Este ano as festas de San Froilán, que decorrerán entre o 4 e o 12 de outubro, contarán con perto de 200 actividades, máis da metade musicais. Ademais, recuperará as casetas de polbo.

Despois de dous anos condicionados pola pandemia da Covid-19, as festas de San Froilán volven á presencialidade e as barracas, que se instalarán en toda a Avenida Rodríguez Mourelo e estenderanse polas costas do parque Rosalía de Castro.

Son máis de "duascentas actividades" nunhas festas "moi dinámicas", que tamén contarán "cunha ampla programación de cultura tradicional galega". Así o indicou onte a concelleira de turismo, Maite Ferreiro, quen destacou que tamén para este ano contarase "novamente con actividades como o Festival de Música Tradicional, a Verbena Galega D'antes, a Mostra Tradicional Galega do Domingo das Mozas ou o programa Cultura Tradicional no Camiño".

Este San Froilán contará coas actuacións de Xabier Díaz e as Adufeiras do salitre, Ana Bacalhau, Dakidarría, Treixadura ou o Mago Antón. O pregón desde o balcón do concello, que será na próxima terza feira ás 20 horas, correrá a cargo da comunicadora Esther Eirós.

Obradoiros de ArteSanFroilán

Maite Ferreiro, que tamén exerce de vicepresidenta da Deputación de Lugo, inaugurou onte a feira de artesanía ArteSanFroilán, que permanecerá aberta até o 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, en Lugo.

A feira, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, conta con 17 obradoiros artesáns e enmárcase nas festas da cidade. Ferreiro, acompañada do tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, convidou a veciñanza de Lugo e a persoas visitantes a achegárense “a esta praza para comprobar de primeira man a calidade da artesanía galega, con elementos únicos que reflicten a creatividade e a habilidade técnica de artesáns e artesás e os novos camiños que se abren para os oficios tradicionais na sociedade actual”

Os obradoiros participantes na mostra exporán pezas de creación e produción propia, con materias primas de noso como a madeira, coiro ou cerámica. Estará aberta ao público en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, con acceso de balde.

Entre algúns dos obradoiros participantes, están na feira Imavi, Fusaiola, Rappa Taller, Tres Caracoles, Fonte Meimil, Senda Coiro e Vidal Revilla, entre outros moitos.

Comentarios