Festa Alternativa

O San Froilán Asociativo levará a Santo Domingo música, teatro, baile, monicreques e xogos tradicionais

Chega a VI edición do San Froilán Asociativo, unha iniciativa en que participan 21 colectivos sociais que reivindican a recuperación da rúa e do espírito popular das festas do San Froilán. Este sábado encherán a praza de Santo Domingo de música, baile, teatro, monicreques e xogos tradicionais.

SAN-FROILÁN-ASOCIATIVO
photo_camera A festa terá lugar o sábado desde as 10h

Unha festa popular. Do pobo e para o pobo. Isto é o que reivindican os 21 colectivos que forman parte da iniciativa San Froilán Asociativo, que este sábado organizan a quinta edición da festa alternativa.

As actividades, entre as que destacan a música, o baile, monicreques e xogos tradicionais, terá lugar o sábado 8 de outubro a partir das 10h e durante toda a xornada na praza de Santo Domingo. Aliás, a festa servirá para que as distintas asociacións que forman parte do proxecto poidan dar a coñecer as tarefas que desenvolven.

Con esta iniciativa, os colectivos promotores pretenden recuperar o espírito de participación popular da festa con máis sona da cidade de Lugo. A novidade deste ano ten a ver coa “oficialidade” do San Froilán Asociativo. E é que este ano, aparece reflectido por vez primeira na programación oficial.

Participan do San Froilán Asociativo: ADEGA, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación de Nais e Pais Separados, Asociación Parque Rosalía, Ateneo Engranaxe, Bolboretas Fiandeiras, Briga, C.S. Madia-Leva, C.S.Vagalume, CMC, Colectivo Sen Papeis, Cova da Terra, Erguer, Escolas Semente, Galiza Nova, Masa Crítica, Mercado da Terra, Plataforma Feminista de Lugo, Plataforma Lugo de Cara ao Miño, Plataforma Stop Desafiuzamentos e X.C.Galega.

Comentarios