O escritor volve á poesía con 'O mundo dos vivos'

Samuel Solleiro: escribir a verdade espida

“Non creo que escriba nunca aquela novela tan rara sobre transplantes de estómago [...] Non creo que faga un diario. Agora teño que traballar. Se fose rico, escribiría. Se fose de familia rica, escribiría”. E, porén, Samuel Solleiro (Tui, 1982), unha das máis brillantes voces da literatura galega actual, escribe, neste caso o poema en prosa Piscinas de whiskey, piscinas de café con leite, incluído no seu novo libro, O mundo dos vivos.

samuel solleiro 2
photo_camera O escritor Samuel Solleiro come un xeado. Foto: Bea López.

Publicado por Chan da Pólvora, O mundo dos vivos supón, dalgún xeito, a resurrección dun escritor. El mesmo o relata a Sermos Galiza. “Despois de publicar Punk (2013), que en realidade fixera moito antes que os relatos de Gran tiburón branco (2012), parei de escribir, sobre todo por razóns digamos materiais, laborais”, explica. Comezou a traballar como tradutor, fundamentalmente para o audiovisual aínda que tamén literario. “Pensei que un traballo que tiña que ver coa literatura ía facilitar a escrita, pero xustamente por iso foi ao contrario”, engade.

Para Solleiro, ese “xesto compartido” entre sentar no teclado a traducir a cambio dunha tarifa e sentar a redactar un relato ou un poema dificultaba as cousas. “Todo implicaba pensar en palabras, quitábame as ganas de escribir, e levoume a certo escepticismo. Perdín a rutina, o hábito”. Até que a editorial Chan da Pólvora se cruzou no seu camiño. A curadora de 13. Antoloxía de poesía galega próxima (2017), María Xesús Nogueira, solicitoulle textos inéditos, o que obrigou a se mergullar nos arquivos do seu computador. Algo atopou que volveu prender a súa escrita.

o mundo dos vivos (cuberta) - samuel solleiroDo mundo dos vivos
O que resultou dese proceso, O mundo dos vivos, confeccionado durante seis meses de 2017, abriu unha vía máis ou menos inédita na súa obra. “Escribino como unha especie de vinganza, de negación de Punk”, di, “naquel libro mercaba unha idea posmoderna da literatura. Imaxinaba que a forza de referencias podía construír unha voz propia. Pero non dicía moito a verdade. Mesmo atopo elementos bochornosos ao relelo”. O mundo dos vivos emerxeu así como feroz autocrítica e con vontade de procurar “verdade”. Sen convencionalismos retóricos pero tampouco afán redentor.

“O mundo dos vivos e o mundo dos mortos son esferas que orbitan e que se aproximan sobre as tres da mañá do horario de inverno. Non se cruzan nin coliden: só se achegan, e nin tanto”, afirma en Claro que existe, “pero se pos a orella podes sentir os murmurios deles, de todos os que estiveron aquí: miña avoa, Hitler. Falan baixiño para non molestarnos, e efectivamente non nos molestan nunca ou case nunca”. Son 21 poemas en prosa, escritos desde un eu que non é solipsista e asómbrase ante a marabilla e o patetismo da realidade.

“É unha especie de diálogo co que me rodea”, argumenta, “hai un eu non tanto intimista como unha forma do eu de esquerdas, non sei. O silencio, as razóns de escribir ou de non escribir, tamén é un tema central”. Esta ollada prescinde ademais do verso, mais nunca do ritmo. No mecanismo oculto dos textos hai dúas músicas que o poeta escoitou en bucle durante a escrita: a banda sonora do Desprezo, o filme de Jean-Luc Godard de 1963, e The velocity of love, hit new age de Suzanne Ciani en 1984. Sobre elas respira O mundo dos vivos, a súa dicción.

Solleiro non entra en debates xenéricos, máis alá de lembrar que o poema en prosa “é algo máis clásico do que moita xente pensa. Na literatura francesa do XIX abundaban, a comezar por Baudelaire”. E de afirmar que non imaxinaría O mundo dos vivos nunha colección de narrativa. “En todo caso, non sei se existe outra definición posíbel de poesía ca de publicar nunha colección de poesía”, considera.

Na portadiña do Mundo dos vivos figura, ao vello estilo, o seguinte subtítulo: “Outro conmovedor libro de Samuel Solleiro escrito á idade de trinta e cinco anos”. “Eu, en realidade, quero a todo o mundo: tamén aos malvados. A vós, os que máis. Quérovos como a nais, coma a irmáns”, di o poema Helicóptero, outra mostra dese amor inconmesurábel e dubidoso, incandescente, que atravesa a obra.

Comentarios