Salvaterra homenaxea a Manolo Soto

En Salvaterra do Miño, ás 12 do medio día terá lugar a homenaxe da SCD ao activista cultural e independentista Manolo Soto Martíns, finado o pasado 5 de febreiro.
Homenaxe Manolo Soto
photo_camera Homenaxe Manolo Soto no tanatorio

O 5 de febreiro do 2013 a triste nova do falecemento de Manuel Soto Martins, “O Rata”, abanaba o corazón das terras do Condado. Membro moi activo da SCD Condado, responsábel da organización do Festival da Poesía Condado, que na súa última edición, a XXVI, levaba o lema Capitalismo é un feito, revoluçom um direito; traballador de Censa, como lembraban os seus compañeiros de traballo na súa esquela, a solidaridade, a xustiza e a igualdade, foron para el o primeiro; independentista, pagou co cárcere a súa pertenza ao EGPGC, na actualidade era militante de Nós-Unidade Popular.

Amizades, veciños e veciñas de Salvaterra, persoas do mundo da cultura, do sindicalismo e do nacionalismo, acudiron ao tanatorio de Salvaterra do Miño, para acompañaren a súa familia e participaren nun emocionante acto de despedida. O corpo de Manuel Soto, cuberto cunha bandeira galega con estrela, estaba rodeado de numerosas coroas de flores baixo unha banda da SCD Condado, da que fora o seu presidente, en que se podía ler “Deica sempre Comandante”. O seu chapeu estaba aos seus pés enriba da caixa. Ás oito da tarde abandonaba o tanatorio para o acto da cremación que se ía celebrar na intimidade familiar, Tino Baz, cantou acompañado da guitarra o tema da súa autoría Cantarei, de seguido, Roberto, compañeiro de traballo de Censa, tocaba a Marcha Procesional de San Bieito, finalmente, Antón de Beade e Xavier de Guillarei interpretaron a Marcha do Antigo Reino de Galiza. A noite fechábanos no seu manto negro, as estrelas ían prendidas nas bandeiras, tímido, coa emoción contida, o pobo tentou agasallalo cunha ladaíña de aplausos, a tristura vencía.

Mañá, sábado 9 de febreiro de 2013 en Salvaterra do Miño na Praza da Oliva ás 12 do medio día terá lugar a homenaxe organizada pola SCD Condado a Manuel Soto Martins, xa confirmaron a súa asistencia o poeta Kiko Neves e representantes do mundo da música como Uxía, Tino Baz, Mini e Mero.

Foise un bo e xeneroso, alguén que deixa unha fonda pegada e, sobre todo, unha persoa que cría e nos fixo crer de verdade, contra tanta adversidade, que a poesía é o grande milagre do mundo.

Marga do Val

Comentarios