Sobral coverteuse nunha celebridade cando, totalmente a contrafío dos estilos habituais no certame, gañou Eurovisión cunha balada de aires jazz composta pola súa irmá, tamén música, Luísa Sobral. Titulábase Amar pelos dois e foi en 2017. Desde aquel intre, pasou varias veces polos escenarios galegos e manifestou unha gran simpatía e comprensión da cultura do país.
Na actuación desta quinta feira, Abe Rábade volverá estar co portugués sobre as táboas. En 2018 acompañouno nunha intepretación da mencionada canción eurovisiva na gala aRi[t]mar da Escola de Idiomas de Compostela. E este ano Rábade integrou a Sobral no elenco de Lorca Namorado, un espectáculo musical arredor da relación do poeta andaluz coa Galiza. O concerto das Bodegas Martín Codax reuniraos de novo.
A recadación da entrada destinarase á Fundación Meniños de protección da infancia.