Salvador del Rio, “Moitas compañías teatrais deixaron este ano de producir”


Preside Escena Galega, o colectivo de compañías teatrais que forma parte da Plataforma Galega das Artes Escénicas. No peor ano para o teatro galego, Salvador del Río afirma que moitas compañías galegas deixaron de botar a andar novas producións e tentan sobrevivir con obras montadas en tempadas anteriores. Algunhas delas corren risco de desaparición. A suba do IVE é unha martelada máis na crítica situación do sector.

O IVE da cultura subirá do 8 ao 21%, pasando do tipo reducido ao tipo xeral, e iso provocará efectos inmediatos no sector teatral que viña queixándose de estar a atravesar unha das situacións máis críticas da súa historia. Desde Escena Galega, a entidade que agrupa ás compañías, o seu presidente Salvador del Río sinala que esta medida suporá un golpe de graza sobre a xa grave situación do sector. “Sumámonos aos outros sectores sociais e estamos a participar nas protestas. Desde o mundo da cultura temos tamén moito que dicir nesta situación de afogo económico”, comenta.

A subida do IVE repercutirá nunha merma do consumo cultural pero tamén, a curto prazo, nun endebedamento aínda maior da compañía. “Xa non damos asumido o pago do IVE e esta medida ponnos máis entre as cordas porque aumenta un 13% que non imos poder repercutir nos espectáculos xa vendidos da próxima temporada”, explica. “Está a perxudicar o consumo de cultura e, polo tnato, a un sector que está padecendo como ningún a crise. A maior parte das compañías non poden pagar o IVE e acumulan retrasos e débedas” denuncia.

En risco de desaparecer


Teatro de Ningures, a compañía á que pertence Salvador del Río, non ten nova produción nesta tempada. Acontece cunha alta porcentaxe dos 26 grupos teatrais que forman parte de Escena Galega. “Calculo que máis de un tercio non producirá novas obras este ano. Trátase dunha política de resistencia. A produción custa cartos que é o que non temos as compañías e, polo tanto, o que se intenta é ir sobrevir representando obras de tempadas anteriores”, anota Salvador del Río ao tempo que lamenta o “peche” de Lagarta, lagarta por motivos económicos.

“Varias compañías están en risco de desaparecer e o malo é que tampouco hai expectativas de recambio. Asistimos a un momento no que, por riba, vemos que desde a administración non é xa que o fagan ben ou mal é que en Agadic non hai modelo algún para o teatro” denuncia o presidente de Escena Galega. Á desaparición dos circuitos Camiños da Cultura que levaba espectáculos aos concellos e contaba cun orzamento de 450.000 € contribuiu a afogar moitas compañías que quedaron sen actuacións no verán, unha vez as entidades locais reduciron ao máximo as contratacións.

“Conduce a unha merma do teatro e limita á diversidade cultural. Fanse só espectáculos comerciais xa que hai que ir á taquilla e facer rendíbel a cultura. Afecta á variedade, á investigación e á propia riqueza cultural “ conclúe Salvador del Río aotempo que confesa ue a relación con AGADIC por parte do sector é “cada vez máis tensa”. Diante desta situación, Salvador del Río reivindica “o sector como un ámbito con potencial de crecemento e interese para o desenvolvemento social”.

Nunha recente entrevista con Sermos Galiza, o novo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, Toño Casais afondaba na opinión de que o sector está a vivir a súa situación máis crítica ao tempo que estimaba que o 80% das persoas da asociación estaban desempregadas neste momento.

Comentarios