Fechadas como "ocio nocturno"

As salas de concertos galegas solicitan unha reunión coa Xunta

Ante a súa equiparación pola normativa da Xunta con locais de copas e pubs, a Clubtura quere procurar solucións para evitar a caída do sector.
Habelas Hainas na sala Rebullón (Mos).
photo_camera Habelas Hainas na sala Rebullón (Mos).

Desde o pasado 15 de agosto, as salas de concertos de toda a Galiza permanecen fechadas, segundo a orde da Xunta que impide aos locais de ocio nocturno a súa apertura, e que equipara estas infraestruturas con pubs ou locais de copas, "pese a que, segundo a propia Lei de Espectáculos, a súa actividade enmárcase dentro do eido cultural", denuncian desde a Asociación Galega de Salas de Concertos (Clubtura).

Cun 2020 no que o confinamento obrigou o sector a permanecer fechado de marzo a xuño -a época de maior programación-, e sen unha data de reapertura nin opción a unha apertura parcial en horario de día, Clubtura decidiu solicitar unha xuntanza cos responsábeis das consellarías de Interior, Sanidade e Cultura.

Buscan con isto atopar “solucións viábeis" a unha situación que, en palabras do presidente, Alfonso Grandío, "é absolutamente demoledora". "Ou atopamos unha solución para que se permita a actividade cultural nas salas, do mesmo modo que se permite noutros recintos culturais, ou a Galiza quedará sen salas en menos de seis meses", asegura con contundencia.

Comentarios