As salas de concertos, “categoría baleira de contido”

Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, denuncian que o novo decreto horario aprobado pola Xunta da Galiza converterá as Salas de Concerto nunha “categoría baleira de contido”. De saír adiante, deixará desamparados este tipo de locais fronte á competencia de Salas de Festa.
Garufa Club
photo_camera Garufa Club

A pasada segunda feira 9 de decembro, a Comisión de Espectáculos da Xunta da Galiza daba luz verde ao trámite dun novo decreto para regular os horarios de apertura e peche dos locais presentes no catálogo de actividades, que suporá un retroceso que “baleira de contido a categoría de Salas de Concertos”, segundo denuncian desde Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo.

Salas de Festa e de Concertos deben cumprir uns requirimentos técnicos, urbanísticos e de illamento acústico maiores, que son ademais idénticos en ambos os casos

Eles mesmos reclamaran a inclusión desta categoría no catálogo para dotar de entidade propia este espazo sectorial que actualmente opera baixo a licenza de Salas de Festa. Até o momento, na Galiza non existían Salas de Concertos, só Cafés Concerto ou Salas de Festa. Quer as primeiras quer as segundas comparten coas Salas de Festa —categoría coas que compiten as grandes salas galegas— a capacidade para programaren música en directo.

Porén, mentres os Cafés Concerto contan cunhas esixencias técnicas menores, as outras dúas deben cumprir uns requirimentos técnicos, urbanísticos e de illamento acústico maiores, que son ademais idénticos en ambos os casos.

Ás Salas de Festa permíteselles pechar ás 6:00 horas, mentres as de Concerto só poderán abrir até as 4.30 horas

A polémica aparece cando ás Salas de Festa se lles permite pechar ás 6:00 horas, mentres as de Concerto só poderán abrir até as 4.30 horas, “media hora máis que un pub”, compara Alberto Grandío, presidente de Clubtura en declaracións a Sermos Galiza. “Se ambas poden programar concertos e teñen os mesmos requisitos, por que só as salas de concertos debemos pechar antes?”, pregúntase.

Para Clubtura este “claro agravio comparativo constata o evidente desinterese da Xunta por coidar e fomentar a cultura, especialmente a música en directo en pequeno formato”. Grandío expresa o seu malestar: “Nin sequera o responsábel da Consellería de Cultura presente na Comisión, nos apoia”. Para alén de votar a favor do decreto, non se manifestou sequera ao respecto cando os profesionais expuxeron as súas queixas.

Pequeno formato en risco

Ante distribución demográfica galega en moitos núcleos de poboación “corremos o risco de que unha enorme porcentaxe da poboación perda o acceso para vivir e gozar música en directo”, advirten desde Clubtura

A Asociación Galega de Salas de Concertos xa fixera públicas as súas alegacións á proposta do novo catálogo de actividades vinculado á Lei de Espectáculos o pasado mes de setembro. O colectivo lembra á Xunta a importancia de protexer e manter vivo un sector que permite o nacemento de novos talentos musicais, discriminado fronte a outros eidos, como o dos festivais, que si contan coa protección da institución.

Así mesmo, insisten en que ante distribución demográfica galega en moitos núcleos de poboación “corremos o risco de que unha enorme porcentaxe da poboación perda o acceso para vivir e gozar música en directo”. Grandío anunciou que procurarán “apoios a nivel político e cultural”, porque se algo está claro “é que calados ante isto non imos quedar”.

Comentarios