A Sala do Ouro do Museo de Lugo mostra desde o día 10 a colección de Álvaro Gil

Xa ten hora de apertura e será ás 17 horas desta terza feira 10 de febreiro. A Sala de Ouro do Museo de Lugo volverá mostrar a colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil. 

Torques
photo_camera Torques

O Torques de Burela ou o Carneiro Alado e o completo tesouro da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil volver´a mostrarse ao público desde a terza feira ás 17 horas na sala número 8 do Museo de Lugo. 

O delegado de cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, sinalou que representantes de asociacións e persoas vinculadas coa cultura e o patrimonio de toda a provincia están convidadas ao acto de apertura que volverá a poñer á vista do público o tesouro de Álvaro Gil a partir desta terza feira. Previamente, ás 12 do mediodía, asinarase o contrato de compravenda entre a Deputación e os herdeiros do coleccionista no Pazo de San Marcos. 

“Este acordo cos herdeiros de Don Álvaro Gil Varela é histórico, xa que nos permite recuperar para o Museo Provincial de Lugo un dos fitos máis importantes do patrimonio histórico e artístico da nosa provincia e de toda a nación galega”, sinalou Mario Outeiro que anima a veciños e veciñas a asistir ao acto de reapertura da sala. 

A Deputación rematará de aboar os prazos da compra do legado en 2018, data na que se porá fin a un proceso que se iniciou hai catorce anos, na presidencia de Francisco Cacharro Pardo. A familia recibirá en total 2.346.200 euros, polas 40 pezas da colección que pasan a ser propiedade en exclusiva do Museo Provincial. 

Comentarios