Safo, unha estrela de rock chegada de Lesbos

O Auditorio de Galiza vén de mostrar a primeira obra de Marta Pazos despois da despedida de Voadora, a compañía que logrou converterse nun referente da vangarda escénica na Galiza e máis alá das súas fronteiras. Safo é un poema escénico con dirección musical de Christina Rosenvinge que fai unha relectura da poeta de Lesbos en clave feminina e feminista. 
 
Christina Rosenvinge protagoniza 'Safo'. (Foto: David Ruano)
photo_camera Christina Rosenvinge protagoniza 'Safo'. (Foto: David Ruano)

Na última edición do festival Escenas do Cambio, que tivo lugar en maio de 2022, o encontro fixo honor ao seu nome presentando por sorpresa o que sería Hoax Hamlet, o espectáculo co que a compañía Voadora, unha das grandes referencias da vangarda escénica, anunciaba a súa despedida dos escenarios. Voadora traballou dentro e fóra da Galiza en óperas de gran formato (A amnesia de Clío) e en novas dramaturxias (Hemos venido a darlo todo), en formatos reducidos (Happy End, Waltz) e en montaxes colectivas de índole social (Don Juan, Garage), en adaptacións contemporáneas de textos clásicos (Othello, Soño dunha noite de verán) e en videoensaios (Son unha humana), sempre abrindo novos horizontes á actividade escénica do país. 

Aquilo parecía un cambio de envergadura, mais o certo é que o selo Voadora simplemente, transformaba a sinatura: as postas en escena imaxinativas e irreverentes, a hibridación de xéneros e a revisión do teatro musical pasaban agora a ter nome e apelido: Marta Pazos.  

"Os anos con Voadora foron marabillosos, foi unha plataforma que nos axudou a despregar as ideas artísticas dos que estabamos aí", comenta Pazos en conversa con Nós Diario. "Pero o certo é que eu xa levaba algúns anos traballando en proxectos á marxe de Voadora, ou arrastrando a Voadora a proxectos que me xurdían. Unha compañía tamén era unha empresa, e agora sinto que podo dedicarme ao traballo artístico sen ter que estar pendente dos aspectos de financiamento e distribución que van aparellados coa produción dun espectáculo. Nese sentido, é unha experiencia liberadora". 

Antes de Voadora, Marta Pazos xa levaba anos dirixindo, en solitario ou coa compañía Belmondo e, pouco a pouco foi creando unha estética propia -Pazos estudou Belas Artes- que desembocan nun recoñecemento que a mantén dentro dos circuítos internacionais: agora mesmo está preparando nunha produción operística do Liceu de Barcelona, Alexina B. -baseada na vida de Herculine Barbin, unha persoa intersexual, nada en 1838, cuxos diarios foron sacados á luz polo filósofo e sociólogo Michael Foucault en 1978-, con libreto de Irène Gayraud e música de Raquel García Tomás, con quen xa traballara en Je suis narcissiste. "Despois desta produción vou encadear traballos de teatro e ópera até 2025 fóra do Estado, en América e en Asia", explica. 

 

Redescubrir Safo 

O pasado sábado 25 de febreiro, o Auditorio de Galiza mostraba o primeiro traballo asinado pola directora tras a decisión colectiva de pór punto final a Voadora, Safo, un "poema visual, musical e escénico" con dirección musical de Christina Rosenvinge que pretende revisar a figura lendaria da poeta grega, rectificando a Platón, que a alcumou de "décima musa", para outorgarlle a categoría de "xenio".  

"Síntome interpelada especialmente pola figura de Safo, porque toca temas que me interesan moito: a conexión co desexo en ausencia da culpa, o triunfo dunha muller cuxa cara estaba acuñada nas moedas. Era unha superstar que focalizaba unha poesía dunha enorme altura nas cousas íntimas, no espazo feminino, na natureza. É fascinante ver como alcanza unha celebridade igual ou superior á dos poetas masculinos indo a contracorrente da lírica que se cultivaba na altura", describe. 

A obra céntrase nun espazo no que rexe a sororidade, a ausencia de competencia e, xa que logo, de conflito, e iso dá unha pista sobre a o calado da innovación da directora viguesa. "A cultura na que vivimos padece dunha permanente vontade de buscar tensións e eu traballo nos últimos anos coa idea de desterrar o conflito do acto escénico, non só nas tramas, senón na forma de construír os espectáculos. Paréceme un lugar moi interesante desde o que crear teatro, no que sempre se repite iso de que sen conflito non hai drama". 

Talvez por iso, Pazos subliña nos seus espectáculos a dimensión ritual do teatro, a capacidade de crear unha euforia colectiva que vaia máis alá do representado. "É algo, en realidade, moi clásico: o teatro como conexión co sagrado, como unha festa colectiva moi ligada ao ritual. Creo que hai outras creadoras e creadores que están traballando agora nesa dirección e, se cadra, podería verse como unha volta ás orixes". 

Segue existindo na proposta de Marta Pazos un elemento que adoita verse como provocación, mais ela insiste en que "é a mirada da persoa espectadora quen constrúe a escena. Eu parto dunha forma de traballar que se parece a un iceberg: mostrar só a punta e que sexa o público quen complete o que ve, quen lle dea un sentido. Para min ese é o diálogo que se dá no teatro: aproximar distintas formas de ver para enfrontarnos aos temas e as ideas que a obra nos propón". 

Comentarios