Sae á luz un dos rexistros sonoros máis antigos da Galiza

Trátase dunha gravación do Orfeón El Eco de 1904, da Alborada gallega de Pascual Veiga.

Arquivo de El Eco. (Foto: CGG)
photo_camera Arquivo de El Eco. (Foto: CGG)

O Consello da Cultura Galega (CCG) pon, por primeira vez, a disposición da cidadanía a Alborada gallega, de Pascual Veiga, interpretada polo Orfeón El Eco, un dos primeiros rexistros sonoros do noso patrimonio.

O 20 de decembro de 1893 tivo lugar nun local da rúa Real da Coruña o primeiro rexistro fonográfico na Galiza.. Lorenzo Colis, que desembarcou no porto coruñés cun fonógrafo procedente dos talleres Edison de Chicago, fíxolle varias gravacións ao reputado Orfeón El Eco, entre elas a Alborada gallega de Pascual Veiga.orfeon_eco

Aínda que esa non se conserva, si que temos unha de 1904, que é a que agora se pon en rede. Este rexistro sonoro publícase nun especial web que inclúe un texto do musicólogo Alberto Cancela, autor dunha tese de doutoramento sobre o orfeón.

A gravación que se difunde tivo lugar 30 de maio de 1904 e foi motivada polo fotógrafo coruñés Pedro Ferrer, que chegou á Coruña coa intención de popularizar a patente dun gramófono. Nesta ocasión rexístrase o fragmento final da Alborada gallega e tamén Pepita, de Adolf Müller.

O primeiro rexistro fonográfico

En 2014 unha investigación do Concello da Coruña e do Colectivo Vigués Sinsalaudio, xurdida a raíz do ciclo Cultura Coruña, puxo data á primeira impresión sonora da Galiza.Pascual Veiga. (Foto: Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada)

Foi o 20 de decembro de 1893. A peza de Pascual Veiga non foi a única que se rexistrou aquela noite, senón tamén ¿Qué ten o mozo?, de Prudencio Piñeiro; Melodía gallega, de José Castro ‘Chané’; e Pepita, de Afoldf Müller.

Todas elas son pezas chave dunha formación moi coñecida. As crónicas que se conservan daquel acontecemento falan tamén de varias obras dedicadas á rondalla da Sociedade Sporting Club da Coruña.

Orfeón El Eco

El Eco naceu en 1881 como orfeón da man de Pascual Veiga, compositor do himno galego. Esta formación tivo importantes mestres como José Castro González ‘Chané’, Jose Baldomir ou Rodrigo Alfredo de Santiago.

Comezou sendo un coro masculino, mais a principios do século XX foi incorporando mulleres. A súa longa traxectoria deixa nomes como Franco Patané, Arturo Basile, Wolf Ferrari ou Marco Armiliato na dirección e María Urix, Antonio Campó e Fernando Navarrete na interpretación.

O proxecto Lousas

Esta publicación fecha o proxecto Lousas, unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro “rexistrado en pedra”.

No marco deste difundíronse documentos sonoros que inclúen a primeira gravación galega que se conserva -a do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra-, rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; así como composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra”.

O fondo chegou ao Arquivo Sonoro principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.

Comentarios