martes 21.01.2020

Sae á luz a crónica de viaxes que Emilia Pardo Bazán nunca publicou

Desde Ourense saía Emilia Pardo Bazán coa súa familia o primeiro día de xaneiro de 1873 con destino a Xenebra. Con pouco máis de 21 anos, a escritora elaborou o diario dunha viaxe que duraría cinco meses e que nunca publicaría. A Universidade de Santiago disponibiliza a súa crónica na rede, o que sería o primeiro libro da autora.  

.
.

A escritora Emilia Pardo Bazán nunca se animou a publicar o seu “Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873) que agora ven a luz en edición do profesor José Manuel González Herrán a través da Universidade de Santiago de Compostela, que ofrece a posibilidade de lectura en rede e descarga gratuíta do manuscrito. 

A crónica comeza no primeiro día de xaneiro de 1873, cando a escritora inicia un viaxe que duraría cinco meses e a levaría, canda o seu home, seus pais e un dos seus tíos, con destino a Xenebra pasando por cidades como Zamora, Burgos, Biarritz, Bayona, Burdeos, París, Turín, Milán, Venecia, Verona ou Trieste. O grupo visitaría tamén a Exposición Universal de Viena, inaugurada o 1 de maio de 1873. 

A escritora tiña daquela, iniciando a vintena, só publicado algúns relatos e versos, e estas son algunhas das primeiras páxinas que a autora decidiu reservar para o ámbito privado e só agora ocupan o espazo público incorporándose a súa bibliografía. “Sobre as mesas das fondas, sobre os meus xeonllos no tren, con plumas comidas de orín e lápices despuntados, tracei as miñas primeiras páxinas en prosa: o indispensábel Diario de viaxe, que non se me ocorreu publicar, nin o merece”, escribe Pardo Bazán nun texto que recolle o editor José Manuel González Herrán.

A recaudo familiar

“En efecto, aínda que si o mereza, este texto nunca chegou a publicarse; mais a súa autora, afortunadamente, conservouno entre os seus papeis, e o mesmo fixeron os seus herdeiros”, explica o editor que busca nunha interpretación de clave ideolóxica as razóns para que Pardo Bazán non fixera público o que sería o seu primeiro libro. O “manto de silencio” teríase debido, segundo o editor, a ser esta obra iniciática o reflexo dunha “peregrinaxe carlista” que non casaría coa evolución ideolóxica posterior da autora. “As auténticas razóns daquela saída de España -tamén políticas- tiñan que ver coa coñecida adhesión ao carlismo dos expedicionarios: especialmente o seu home, José Quiroga y Pérez, mais tamén dela mesma”, sinala González Herrán que agradece a Juan Luis Blanco Valdés, Director do Servizo de Publicacións da USC a posibilidade de publicar o manuscrito, despois de anos de infrutuosas xestións para que o libro de Pardo Bazán fose editado. 

As 138 páxinas do caderno de viaxes conservábanse no fondo da Real Academia Galega, que colabora na publicación coa USC que entra a formar parte do seu repositorio de textos Minerva. Escrito en español, o libro de viaxes comeza: “Para no faltar desde el primer día a la palabra que os he dado de no omitir en estos rápidos apuntes el más pequeño detalle de mi viaje, mi cuaderno preparado y mi lápiz cortado recientemente descansaban en mis rodillas cuando la diligencia se puso en marcha”. O texto completo pódese consultar ou descargar neste enlace. 

comentarios