Sae á luz a 'Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo'

A obra, dispoñíbel en galego e portugués, presentarase en Ourense, Vigo, Lugo, Compostela e A Coruña.
'Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo', unha publicación editada en galego e portugués. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo', unha publicación editada en galego e portugués. (Foto: Nós Diario)

Estes días preséntase na Galiza a Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo, unha publicación editada en galego e portugués e impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que, en dous volumes, recolle pezas de doce dramaturgas e dramaturgos da Galiza.

O conxunto de pezas que integran esta antoloxía forman parte dunha colección publicada pola asociación Cena Lusófona. Este colectivo,dedícase ao "intercambio teatral" entre os países que teñen o portugués como lingua oficial.

A primeira parada desta pequena xira de presentación será Ourense, esta terza feira ás 18.30 horas, no centro cultural Marcos Valcárcel, no marco do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). A cuarta feira, contra as 18 horas, será a quenda de Vigo, e o evento decorrerá no centro cultural Português.

Na quinta feira a antoloxía chegará a Lugo (20 horas), na sala de exposicións do edificio da Deputación, e finalmente Compostela acollerá un novo acto, o día 25 ás 20 horas, no Salón Teatro. Desde a organización informan de que está prevista outra sesión de presentación na Coruña, organizada pola Universidade e a Deputación, con data e hora aínda por confirmar.

Xohana Torres e Vidal Bolaño, entre as autorías

En concreto, os dous volumes desta recompilación inclúen as obras Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres; O cabodano. Cerimonia de laios e salaios, de Euloxio R. Ruibal; Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño; Cando chega Decembro, de Manuel Lourenzo; As certezas de Ofelia, de Luísa Villalta; Lugar, de Raúl Dans; Footing, de Gustavo Pernas Cora; As do Peixe, de Cándido Pazó; Xudite, de Marcos Abalde Covelo; Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas; Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo; e Ás oito da tarde, cando morren as nais, de Avelina Pérez.

Na escolma dos textos mencionados participaron as investigadoras e profesoras universitarias Dolores Vilavedra e Inma López Silva. En conxunto, as distintas pezas cobren un período temporal que vai desde mediados do século XX até a época contemporánea. Vilavedra intervirá na presentación da antoloxía, na que tamén intervirán Cándido Pazó, Tareixa Campo e Pedro Rodrígues.

Comentarios