Sae do forno 'Contrapunto', o novo álbum de Tanxugueiras

Xa dispoñíbel para a súa escoita nas principais plataformas dixitais, a banda ofrecerá un showcase de presentación do disco no Culturgal o vindeiro día 30 de novembro. 

Tanxugueiras web
photo_camera Imaxe promocional do novo disco das Tanxugueiras (The Office)

O segundo disco de Tanxugueiras, Contrapunto , xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais, malia que non se poderá adquirir en tendas físicas ou online até o vindeiro 29 de novembro. Amais, tamén se poderá atopar á venda nos concertos do grupo e no Culturgal, onde ofrecerán un showcase o 30 deste mes.

Após lanzar nos últimos meses dous adiantos en forma das cancións Desposorio e Perficia, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro lanzan un proxecto «moi persoal», no que «se exploran os límites da música tradicional» a través de dez temas que mesturan na súa confección arranxos renovados con letras que presentan un corte máis tradicional.

Creadoras do  'Trad'

O obxectivo da banda galega é «amosar que a música tradicional da Galiza pode avanzar, renovarse a cada pasos e acadar novos escenarios». O disco parte do traballo de Sabela, Aida e Olaia para avanzar nun son propio e plasmar a evolución do seu sentir musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. 

Así, Tanxugueiras asumiu nesta ocasión a definición tanto artística como musical de Contrapunto, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín

Todos estes elementos conxúganse para facer agromar un novo concepto, o trad, un selo característico entre a tradición e as novas formas da cultura urbana .

As letras tradicionais serven para cantar ao empoderamento da muller -unha temática que Tanxugueiras aborda en temas como Desposorio, Irmandade e Maltraer- , ou para afondar dun na deslealdade e a traizón, que se atopan en Perfidia

Son moitos outros tamén os temas que Tanxugueiras toca no seu segundo disco, que ten cancións adicadas á liberdade política, a amizade, a vida e á liberdade de decisión, que se complementan con letras como as de Autocracia, unha crítica á ditadura, ou as de Malquerenza, que versa sobre o desengano.

A primeira ocasión na que se poderá escoitar o novo son das Tanxugueiras será mañá ás 23 horas en Bilbo. O trío acompañará á Xabi Aburruzaga, trikitilari e compositor, na presentación do seu último traballo, que leva por nome Bost, quinto en euskera. 

Comentarios