Sabucedo, na Estrada, recobra con forza a súa Rapa das Bestas esta fin de semana

A parroquia estradense de Sabucedo agarda milleiros de visitantes para a Rapa das Bestas após a pandemia.
rapa
photo_camera A Rapa das Bestas de Sabucedo (Foto: Nós Diario).

A primeira fin de semana de xullo, o municipio da Estrada está marcada pola realización da Rapa das Bestas na parroquia de Sabucedo. Esta festa popular, alén da propia recuperación da tradición que se transmitiu entre xeracións, é todo un acontecemento festivo que reúne a milleiros de persoas. Nesta ocasión, a volta á normalidade, tras dous anos sen facerse polas circunstancias sanitarias da pandemia, engaden outro elemento máis para que moitas persoas se acheguen até a comarca de Tabeirós

A Rapa das Bestas, declarada de interese turístico internacional, terá este ano, se cadra, unha maior repercusión nos medios de comunicación xa que conta con máis de medio cento deles acreditados, algúns internacionais de países como Corea do Sur, Estados Unidos ou China.

Tres curros, concertos, gaiteiros e verbenas

A extensa programación do evento comezou esta pasada quinta feira coa Gala na honra das aloitadoras e os aloitadores. Onte abriu o día unha misa á San Lourenzo, patrón de Sabucedo, e a saída desde o Celeiro na procura das bestas. A volta con elas ao feche realizouse pola tarde para dar inicio á parte máis lúdica.

A oferta musical iniciouna, tamén onte, o Rapasons. Nel actuaron Treixadura, O Caimán do río Tea, Combo Calada e Zënzar, que prolongaron até a madrugada as celebracións da primeira xornada.

Para este sábado está prevista a baixada das bestas desde o feche e até Sabucedo (12 horas) coa entrada cara as 14 horas. Pola tarde no propio curro actuará a Agrupación Folclórica Tequexetéldere (18.30 horas) e dará inicio o primeiro curro (19 horas). Ao remate haberá música cos Gaiteiros Airiños de Caldelas e terá lugar o concerto de Mekánika Rolling Band (21 horas). Rematará a xornada cunha verbena popular no Campo do Medio (23 horas) coas orquestras Miramar e América S.L.

O domingo a maña comezará coa actuación de Clara Pino e Pablo Vidal (11.30 horas) e o segundo curro (12 horas). Ao remate actuarán de novo os Gaiteiros Airiños de Caldelas e os Festicultores Troupe (14 horas).

Xa pola tarde, haberá un festival de música no palco da fonte (16.30 horas) coa actuación das Pandereteiras do Val de Quireza, Peter Punk, Blues do país e Lucía Azurmendi Grupo. Fechará o día unha verbena no Campo do Medio (23 horas) coa orquestra París de Noia.

A última xornada, a segunda feira 4 de xullo, terá lugar o terceiro e último curro (12 horas) tamén coa actuación dos Gaiteiros Airiños de Caldelas.

Comentarios