Creadoras de 'Fóra de mapa': "Sabemos de escoceses ou galeses, mais pouco de arromaneses ou rutenos"

María Sabarís e Juan Elías Vergara contan para 'Nós Diario' como xurdiu o podcast 'Fóra de mapa', un programa radiofónico que afonda na vida e na historia de pobos e nacións sen estado na Europa. Ela vivindo na cidade de Londres e el desde Bruxelas crean este proxecto homónimo do libro de Alastair Bonnett.
Juan Elias e María Sabarís.
photo_camera Juan Elias Vergara e María Sabarís. (Foto: Nós Diario)

María Sabarís e Juan Elías Vergara, un en Londres e outro en Bruxelas unidos a través dun podcast en galego sobre minorías nacionais en Europa. Como se coñecen e como nace esta idea? 

Juan (J): Coñecémonos en 2010 grazas a unha bolsa da Fundación Galiza Europa para traballar na oficina en Bruxelas. E desde aquela somos amigos, compartimos intereses, viaxes e tamén celtismo! 

María (M): A idea do podcast xurdiu o pasado outubro durante o conflito de Nagorno-Karabag. Eu estaba vendo as noticias e púxenme a pensar na cantidade de minorías que hai por Europa adiante e que só aparecen nos medios cando hai un conflito. E a partir de aí comecei a lembrar as nosas viaxes e as moitas anécdotas relacionadas cos países polos que pasamos, nos que estivemos. 

Visualización de minorías a través dunha lingua minorizada. Por que escollen o galego e por que minorías europeas? 

M: Pois non escollemos a lingua, é simplemente o noso idioma, no que falamos entre nós e tamén destes temas. E ademais non había ningún podcast sobre esta temática en galego e que nós saibamos tampouco en castelán.

J: Si, outra motivación para crear o podcast é xerar contido en galego sobre temas e amosar que se pode falar de todo no nosa idioma, tamén das diferentes minorías que existen por Europa adiante. De feito, unha seguidora escribíranos que escoitara o podcast coa súa nai e que lle gustara e lle estrañara bastante escoitar persoas falar desta temática en galego.

Por que o título de 'Fóra de mapa'? 
J: Fixemos un pouco de brainstorming e xusto eu estaba a ler o libro Fóra de Mapa [de Alastair Bonnett, editorial Rinoceronte] que trata sobre lugares esquecidos e estraños e pareceunos que era un título axeitado para a temática do podcast.

M: Si, ademais queriamos que o título identificase de primeiras por onde podía ir o contido do podcast, xa que todos os pobos dos que falamos están dalgún modo fóra de mapa. Son minorías pouco coñecidas non só en Europa senón nos propios estados dos que fan parte.

Como é o contido do programa? Como escollen o tema e como realizan o inmenso traballo de documentación que debe levar? 
M/J: Damos unha visión xeral da minoría ou nación sen estado da que tratamos. Á fin e ao cabo todo o mundo sabe dos escoceses, galeses ou flamencos pero pouco se sabe dos arromanés, arbëreshe ou rutenos... 

No podcast describimos a historia destes pobos, a súa situación actual e damos uns trazos sobre a súa lingua e cultura. Tamén tentamos mostrar que estas xentes aínda se esforzan por manter a súa identidade, con axuda dos estados ou pese a estes. Sempre tentamos convidar unha persoa "local" que nos axude a retratar a situación actual do pobo en cuestión no estado onde se atopa. Pretendemos facer isto de maneira amena, incluíndo anécdotas e resaltando os puntos en común coa realidade galega (estereotipos, emigración, diglosia…).

O tema escollémolo de maneira bastante espontánea, por dicilo así. Tentamos non sempre centrarnos en Europa Oriental e Balcánica, que é a nosa zona favorita, e incluír outros pobos doutras áreas europeas. 

No relativo á documentación é moitas veces un exercicio continuo, cada vez que atopamos algo (un artigo, un paper académico…) que pode ser incluído no podcast, gardámolo. Ademais, empregamos información que obtemos de moitos libros que temos lido nos últimos anos sobre esta materia, tanto de historia, como de etnografía, viaxes ou biografías. 

Que outras minorías tratan ou pensan tratar nos próximos programas? 

M/J: Por exemplo, os frisios, unha minoría lingüística espallada polo norte dos Países Baixos e de Alemaña. A pesar de que o seu idioma non conta cunha gran protección é de salientar que aínda se mantén bastante vivo. 

Por outra banda, tamén pretendemos dedicar algún podcast non só a pobos sen estado mais tamén a estados ou rexións con identidades complexas ou diversas, como Belarús, Bosnia ou a Vojvodina. 

Con que frecuencia e de que modo se pode escoitar o podcast? 

M/J: A idea, que polo momento estamos a cumprir, é publicar un novo episodio cada dúas semanas. O podcast pódese escoitar nas principais plataformas de escoita (Ivoox, Apple, Spotify, Google Podcast…). 

Ademais, tamén tentamos promocionar os podcast e difundir o seu contido a través das redes. 

Comentarios