É doutor en Historia da Arte e a obra forma integra unha parte da súa tese

Xoán David Díaz: "As fondas e os hoteis foron un termómetro da vida burguesa en Compostela"

Coeditado polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións, Xoán David Díaz publica un dos capítulos da súa tese, neste caso, o referido ás Fondas e Hoteis da Compostela burguesa (1878- 1930). No traballo de doutoramento, máis amplo, este historiador da arte trata a evolución hoteleira das sete cidades. No volume compostelán, céntrase na evolución turística e hoteleira que viviu Compostela á par do auxe da burguesía
xoandíaz_consorcio
photo_camera Xoán David Díaz. / Nós Diario

Cal é a razón de estudar os estabelecementos hoteleiros nese período?
Este traballo é unha parte da tese, que estuda a historia dos hoteis urbanos nas sete principais cidades. Pareceume que sintonizaba coa historia urbana da Galiza, de desenvolvemento das cidades nun país que, ao fin e ao cabo, ten moito peso do ámbito rural. Aínda que a época contemporánea está marcada polo crecemento das cidades e da clase burguesa, o rural aínda ten un peso moi forte. Ver como afloraban estes elementos de contraste resultaba moi interesante para o meu traballo. Dentro dese desenvolvemento urbano, o concepto de hotel, tanto como tipoloxía de aloxamento como se falamos arquitectonicamente, era especialmente interesante por tratarse dun termómetro dos hábitos da burguesía e do seu desenvolvemento social.

Que motiva ese rango de datas, 1878-1930?
O rango principal da tese vai desde 1779 até 1948, mais neste caso, o que me interesaba era acoutar a aparición do primeiro estabelecemento equiparábel a un hotel en Santiago, que é a Fonda Suíza da Conga. A data de feche corresponde coa fundación do Hotel Compostela, o máis importante da Galiza no seu momento, por ser o que estaba mellor dotado. Previamente a 1878 podemos atopar algúns aloxamentos que xa empezan a ser interesantes, pero non deixan de ser precedentes. A Fonda Suíza é o primeiro estabelecemento, en Compostela, equiparábel a un hotel moderno. O Hotel Compostela ten un desenvolvemento a grande escala do que son os espazos comunitarios, é dicir, salóns, comedores, espazos de conversa, vestíbulos... Teñen unha relevancia importante neste hotel que non tivera nos estabelecementos anteriores. Isto é o que diferenza o hotel moderno, unha maior atención ao aproveitamento das áreas colectivas. 

Había relación entre a peregrinación e a hostalaría?  
Para o desenvolvemento do sector hoteleiro, nun primeiro momento, o feito de que Compostela fose cidade de peregrinación, parece ter, ironicamente, pouca importancia. Realmente atopamos unha cidade que, nas primeiras décadas do século XX, ten unha dotación de aloxamentos moi precaria. Incluso na exposición galega de 1909 incídese, unha e outra vez, en que esa dotación é insuficiente. Tanto é así que os hoteis e fondas que existían tiveron que alugar cuartos en edificios de vivendas para poder abastecer a demanda. Comparado coas cidades da súa contorna, A Coruña ou Vigo, Compostela tiña problemas de capacidade de prazas. Nas primeiras décadas do século XX non é decisiva a peregrinación para a conformación da industria hoteleira, vai máis en relación co desenvolvemento do turismo, algo que xa afectou igual á Coruña, a Vigo e a outras cidades.

No período que estudou, de 1779 a 1948, hai grandes diferenzas entre as sete principais cidades?
Si. Temos dúas cidades cun pulo bastante forte, a primeira delas é Vigo, sobre todo, que é onde aparece o primeiro hotel de importancia considerábel en 1879, que é o Continental.  Na Coruña, aínda que ten bastantes estabelecementos a finais do XIX, todos eles son denominados fonda; digamos que apela a esta palabra máis tradicional, aínda que xa vai desenvolvendo unha infraestrutura enfocada ao turismo. E cidades con menos forza son Lugo, Ourense... Pero aínda así, é curioso o caso de Lugo, que ten o primeiro hotel, o Méndez Núñez (1880), que aínda segue en funcionamento, ininterrompidamente desde a apertura. Do resto, practicamente ningún hotel da época está operativo e nalgúns casos nin existe o edificio. 

Comentarios