Cinema Periférico

O (S8) reforza o compromiso co cinema galego

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico reforza a programación audiovisual galega nunha edición dual que presenta a volta da sección "Xerme" e un foco sobre Adrián Canoura como principais novidades.
Imaxe promocional de (S8) Mostra de Cinema Periférico [María Meseguer].
photo_camera Imaxe promocional de (S8) Mostra de Cinema Periférico [María Meseguer].

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico reforza na edición deste ano, que terá lugar de 27 de setembro a 3 de outubro, o seu compromiso coa produción galega. Alén das habituais seccións "Sinais" e "Sinais en Curto", recupérase "Xerme", un espazo co que a ollada cae sobre os artistas seminais do cinema experimental galego.

Nesta edición ocuparán o foco Antonio Segade e Antón Reixa, cunha escolma comisariada polo crítico, escritor e o responsábel de exposicións do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, Jordi Costa. "Falar por non calar", como se chamará a sesión, será ao tempo un programa online que repasará a súa traxectoria e tamén unha sesión presencial que terá lugar o 27 de setembro na Domus da Coruña.

Esta non constitúe a única sección con presenza dobre en dixital e ao vivo, favorecendo a internacionalización da creación galega. Tamén sucederá con "Sinais", onde o protagonismo recae no burelao Adrián Canoura, do que se proxectará un conxunto de pezas que pon de manifesto a súa exploración plástica a través da textura do vídeo, con traballos como Nistra Batuko Exploration (2015), Salitre nas Veas (2017), ou a recente Baiuca - Adélia. Paralelamente, no programa en streaming ofrecerase unha entrevista en profundidade con el.

Pola súa banda, "Sinais en Curto" convida a (re)descubrir algunhas das pezas máis suxestivas do último ano. Nesta edición presentaranse películas asinadas por Alberte Pagán (Uluru e 6 X 9), Area Erina (Miña Nai, The Fashion Religion e You Killed our Future), Tono Mejuto, Lara e Noa Castro (O ollo cobizoso e A vella e o deserto) e Aldara Pagán (Alí sentíame eterna e Marcas). Ademais da mostra en sala, cada unha delas participará nun programa online en contacto co público.

Comentarios