Cinema

O (S8) da Coruña reunirá as principais editoriais de cine vangarda

A Mostra dedicará un programa in memoriam a Paolo Gioli e unha carta branca á recoñecida distribuidora de cine experimental Light Cone.
O festival proxectará filmes relacionados cos libros que presentarán os representantes das editoriais. (Foto: S8)
photo_camera O festival proxectará filmes relacionados cos libros que presentarán os representantes das editoriais. (Foto: S8)

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, que se celebrará desde esta sexta feira 26 de maio até o 4 de xuño, presentou onte a súa programación dedicada ao sector profesional.

Nesta décimo cuarta edición, a sección Observatorio do (S8) quere poñer en valor o traballo das editoriais que inmortalizan, a través da escritura, a historia do cine experimental. Será mediante un encontro, Dar fe: como editar libros sobre cine experimental hoxe, no que participarán axentes que abarcan diferentes ámbitos da edición. O encontro irá acompañado dun programa de filmes relacionados cos libros que as editoriais presentarán no (S8). 

Outra actividade do Observatorio será a "Mesa Proxecta: a sustentabilidade nos festivais", un encontro sobre o impacto no medio, na poboación e na economía dos festivais, así como nas medidas que se están aplicando desde o sector en favor de eventos cada vez máis sostíbeis.

Participarán representantes de FICBUEU - Festival Internacional de Cinema de Bueu e a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, dous dos festivais integrados en Proxecta - Coordinadora Galega de Festivais de Cinema; ademais de representantes do Festival Sinsal e a coordinadora do Pacto Cultura Sustentábel de Galiza, María Baqueiro. 

Carta branca a Light Cone

O (S8) contará tamén con dous programas especiais. O primeiro deles, unha sesión in memoriam dedicada ao cineasta e fotógrafo italiano Paolo Gioli, falecido o ano pasado. Un programa comisariado e presentado por Enrico Camporesi, responsábel do departamento de cine do Centre Pompidou de París, que afondará na obra dun inspirador cineasta recoñecido a nivel internacional polas súas investigacións artísticas, fotográficas e de cinema experimental. 

Tamén nesta edición, a Mostra Internacional de Cinema Periférico quere achegar o traballo das grandes distribuidoras de cine experimental. Este ano, o festival pon o foco en Light Cone, unha lendaria distribuidora de cine con sede en París, que funciona como unha cooperativa de cineastas sen ánimo de lucro, e que fixo posíbel que o cine de vangarda chegue a todos os recunchos de Europa.

O (S8) dedicará un programa completo a esta institución referente a través dunha carta branca que preparou o seu encargado de distribución, Miguel Armas. Unha sesión na que poderán verse once filmes que dan fe da diversidade temporal, nacional e estilística da colección, utilizando como fío condutor o uso da cor no cine.

Comentarios