Ruxe-Ruxe presenta en directo o seu último disco, '20 segundos'

Ruxe Ruxe presenta este sábado na sala Capitol de Santiago “20 Segundos” no ano do seu vixésimo aniversario. Vinte anos nos que non pararon de tocar ao vivo nin de crear.

R&Ka-2
photo_camera Ruxe-Ruxe [Foto: R&Ka]

Contan con 11 LPs no mercado (3 deles editados nos últimos 3 anos) e un feixe de cancións en recopilatorios e bandas sonoras. Este grupo de rock compostelán, o máis lonxevo en activo da cidade, é todo un referente da creación musical galega, movéndose sempre á marxe dos grandes poderes da cultura, das modas e do politicamente correcto, converténdose ano tras ano nunha das bandas senlleiras do punk-rock en galego con xa máis de 200 cancións orixinais publicadas. 

Co espíritu de loita por bandeira, do rock do país, libre e de combate, do realismo máxico e do corpo a corpo sinceiro e emocional, a esencia dos Ruxe Ruxe queda patente en cada disco editado e en cada concerto que deron dende os seus inicios en 1996.

Teñen tocado en incontables festivais do país e fixeron xiras que os levaron ininterrumpidamente polos mellores escenarios tamén alén das nosas fronteiras, sempre con moi boa acollida tanto polo público como pola crítica. 20 anos que seica lles pasaron como 20 segundos, e é diso precisamente do que falan neste novo disco, de todas as experiencias vividas polo grupo neste tempo.