CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Ruxe Ruxe: 'Un mundo perfecto'

Guitarras, gaitas, ventos, optimismo e punk rock podería ser o resumo deste novo traballo de Ruxe Ruxe.  

Ruxe Ruxe


Un mundo é o novo traballo que os composteláns Ruxe Ruxe traen baixo do brazo. 14 trallazos que amosan como a banda segue a sentirse moi cómoda dentro do punk rock guitarreiro e festivo como se dos fillos galegos dos Clash se tratara.

O tema de apertura do disco, "Soños", comeza rítmicamente forte, convidando a bailar e coa letra cun convite a vivir sen medo e con optimismo, tónica que se repetirá ao longo do disco. Continúa con "Beizos", unha oda ao poder dos bicos e do amor cun riff  sinxelo pero que engancha e fai que funcione.  Fica así o camiño marcado para chegar e ficar "Na miña taberna", un himno tabernario e festivo co que máis de un vaise sentir identificado. 

"Refachos" é un medio tempo máis escuro, tanto musical como na súa letra que colle desta vez unha vía máis lírica e profunda, que contrasta con "Respiro", un ska que volve subir o ánimo e recupera o ton optimista nas letras e o ritmo nos pés. "Cancións ceibes" é o que nos agasallan Ruxe Ruxe, sendo conscientes das moitas historias que aínda quedan por contar. Sabedores de que non todas son fermosas, que moitas están cheas de erros e tristuras que fan que teñamos que roubar "Frores" para vivir. 

O campo da festa faise punk en "Ven bailar", un divertimento en forma de cantiga tan intenso como festeiro.  E é que nótase que son da "Vella escola", de licor e rock and roll e viven nun mundo "Perfecto", entre cerdeiras e laranxeiras, sen defectos nen reloxos. "Nada máis" que optimismo reflicte esta repichoca, cun tempo lento preciso para crear un ambiente axeitado para cantar o fermoso que todo é.

Un moi bo traballo dunha banda que após de 19 anos segue agasallándonos bo rock como o primeiro día, contribuíndo a creación dese mundo perfecto. 

"A máquina" é outro tema festeiro con base de ska que volve chamar de novo a desfrutar das cousas boas da vida e cumprir os soños, para pasar a sintonizar "Radio Xabral" un tema guitarreiro onde convidan a bailar homenaxeando na súa letra as súas influencias vitais e musicais como Ramones, Celso Emilio Ferreiro, a liberdade, a rebeldía ou garitos como o Bartolo, para pechar con "Un mundo feliz", un medio tempo de letra utópica onde dan a visión do mundo no que quixeran vivir.

Guitarras, gaitas, ventos, optimismo e punk rock podería ser o resumo deste novo traballo de Ruxe Ruxe. Un moi bo traballo dunha banda que após de 19 anos segue agasallándonos bo rock como o primeiro día, contribuíndo a creación dese mundo perfecto. 

Listaxe de temas

  1. Soños
  2. Beizos
  3. Na miña taberna
  4. Refachos 
  5. Respiro
  6. Cancións ceibes
  7. Frores
  8. Ven bailar
  9. Vella escola
  10. Perfecto
  11. Nada máis
  12. A máquina
  13. Radio Xabral
  14. Mundo feliz

Ruxe Ruxe nas redes

Web: www.ruxeruxe.com

Facebook https://facebook.com/ruxeruxe

Twitter: @ruxeruxe

Comentarios