"Rush", un conseguido filme sobre a era dourada da F-1

Rush é o relato do confronto deportivo entre os míticos pilotos de F-1 Niki Lauda e James Hunt.

Rush
photo_camera Hunt e Lauda

RUSH
Ano: 2013
Duración: 123 min.
País:Estados Unidos
Director: Ron Howard
Guión: Peter Morgan
Música: Hans Zimmer
Fotografía: Anthony Dod Mantle
Reparto: Chris Hemsworth, Daniel Brühl, Olivia Wilde, Natalie Dormer, Alexandra Maria Lara, Jay Simpson, Lee Asquith-Coe, Pierfrancesco Favino

SINOPSE
Narra a rivalidade que nos anos 70 mantiveron o austríaco Niki Lauda (Daniel Brühl) e o inglés James Hunt (Chris Hemsworth), centrándose na tempada de 1976, cando Niki Lauda tivo un grave accidente no Gran Premio de Alemaña en que sufriu graves queimaduras que o desfiguraron de por vida. Porén, isto non lle impediu volver aos circuítos solo 6 semanas despois de ser hospitalizado con aínda opcións de manter o título de campión do mundo.


CRÍTICA
Biopic de dous pilotos de Fórmula 1 nos anos 70, unha época na que se vivía a idade de ouro deste deporte. A película achéganos a vida e milagres de Niki Lauda e James Hunt. Famosos ambos os dous polos seus marcados carácteres contrapostos e pola súa rivalidade tanto na pista como no persoal.

Niki Lauda era cauto, conservador e moi serio fronte ao carácter festeiro do bebedor, fumador e mullereiro James Hunt. Tanto era a pía que se tiñan que esa rivalidade levounos a superarse xusto nos peores momentos das súas respectivas carreiras. A caracterización física dos protagonistas é case idéntica aos pilotos que interpretan. Un bo casting e unha boa maquillaxe. Mais as interpretacións non pasarán a historia como unhas das mellores dos actores. O alemán Daniel Brühl é un calco de Niki Lauda, quer antes do accidente quer despois, e o australiano Chris Hemsworth métese bastante ben na pel do británico James Hunt. A parte má é que en moitas ocasións tratan de copiar tanto os xestos das personaxes reais que a cousa queda un pouco forzada. Porén, este é o risco dos biopics: hai que parecerse ás personaxes, e isto moitas veces vai en detrimento da interpretación dos actores.

No seu favor direi que este detalle pasa bastante desapercibido e que non evita gozar do filme. Rodada polo irregular Ron Howard, que soe alternar unha obra boa cunha má. Desta tocaba unha boa xa que a anterior foi a completamente esquecible “Qué dilema!” (2011). As carreiras filmadas en “Rush” son unha picada de adrenalina. Desde a mítica “Grand Prix” (1966, John Frankenheimer) non se viran unhas secuencias de carreiras tan ben filmadas, e xa choveu desde aquela. Hai varios momentos de auténtica vertixe grazas a unha montaxe espectacular perto da perfección e que case seguro vai levar varios premios neste campo. Apóiase nunha fotografía do sempre xenial Anthony Dod Mantle e na banda sonora doutro grande no seu terreo como é Hans Zimmer. A música ademais compleméntase con temas da época de Thin Lizzy, Mud ou David Bowie, a fin de perfeccionar, se cabe, a excelente ambientación do deseño de produción. Moi coidados os detalles pasando olimpicamente da censura, coma non podía ser doutra forma, usando marcas de tabaco e de alcohol coma patrocinadores da equipas.

Aliás, case todas as personaxes fuman e beben, algo común na época, claro. Un sólido guión a cargo de Peter Morgan cheo de referencias e anécdotas daqueles anos aínda que cun pero. Ten un final bastante compracente e explicativo de máis. As motivacións das personaxes, rivalidade e o que senten mutuamente queda bastante claro no filme, polo que considero que non é necesario recalcalo. Ben é certo que trata de ser un final de homenaxe, máis que merecido, ás personaxes de Lauda e Hunt e tampouco é algo que moleste demasiado. Resta puntos como película, pero penso que o director quixo puntualizalo e hónrao. Unha película que funciona, entretén e logra que teñamos morriña daqueles tempos nos que a Fórmula 1 era un verdadeiro modo de vida, e morte, e tanto as carreiras coma todo o seu entorno era algo emocionante de verdade. Boa película para comezar a tempada outonal.

Comentarios