CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Rumahoy: O triunfo da piratería

Após navegar polos sete mares, Rumahoy  chegan a porto co seu álbum de debut: The Triumph of Piracy. Un traballo que nos trae 9 temas de pirate metal que demostran que aprenderon a lección dos grandes do xénero, como Alestorm.

Tratándose de pirate metal, xa sabemos que imos atopar unha grande dose de folk metal, cantos mariñeiros e aventuras a bordo dos galeóns. E iso mesmo é o que atopamos este primeiro traballo de Rumahoy. Dende o primeiro tema, AHOY!, que en argot mariñeiro sería algo como “á vista!”, aínda que tamén é empregado como saúdo, a banda marca claramente as bases de por onde vai o seu estilo. Non en van, foi elixido como tema de adianto deste plástico, xa que ademais de presentarse musicalmente, a banda preséntase nel. Destaca que a banda non trata de ser un clon de Alestorm, algo que, por desgraza é moi habitual no pirate metal, senón que tratan de facerse un estilo propio sen abandonar o canon. Algo que conseguen en parte grazas a ser de Ocracoke, unha vila mariñeira en Carolina do Norte e cuxa tradición musical tamén engadiron ás súas composicións.

Rumahoy tratou neste traballo de crear temas festeiros con retrousos cantábeis, xunto con letras desenfadadas, até o punto nalgún caso de abeirar a parodia excesiva, algo que seguramente non lle gustará aos puristas, ao igual que o exceso de “Ahoy’s” e de “Yarr’s” , repetido até a saciedade. Conseguen perfectamente un aire moi propio en parte polo uso riffs moi propios do pagan metal xunto con retrousos que convidan a cantar cunha botella de ron na man. Con estes ingredientes é moi sinxelo caer no aburrimento dun disco plano e monótono, cousa que estes piratas de  Ocracoke son quen de evitar cun par de receitas sinxelas. A primeira delas é tentar meter temas con algunha variación de tempo, como é o caso de The Hatian Slam ou Kill the Trolls, nos que aceleran até chegar a ritmos máis propios do speed metal, ou polo contrario frear até un medio tempo como é o caso de Netflix and Yarr. Mesmo sorprenden con  toques disco dance en Pirateship. A segunda  é que, agás de un par de temas, todos os temas quedan por baixo dos 4 minutos. Curiosamente, o corte de peche, The Triumph of Piracy, unha canción que dura pouco máis de 10 minutos, é o peor peche que lle poderían dar, xa que acaba aburrindo e só pensan en que acabe de unha vez, deslucindo todo traballo anterior.

The Triumph of Piracy é un disco que descobre unha banda capaz de facer cousas novas dentro do pirate metal. Temas como Forest Party, Ahoy! e The Haitian Slam están chamados a pasar á historia do xénero como clásicos. En xeral é un disco de fácil escoita e cuxos retrousos fican soando na cabeza durante horas. Un moi bo Lp de debut desta banda nacida no 2012 e que vai dar moito que falar. Como din Alestorm: “Rum, Ahoy!”

Rumahoy nas redes

Web: http://rumahoy.xyz/
Facebook: https://www.facebook.com/rumahoy
Twitter: @Rumahoy

Listaxe de temas

1.-AHOY! 

2.-Quest for Heritage

3.-Forest Party 

4.-The Haitian Slam

5.-Huffman, the Pirate King

6.-Kill the Trolls

7.-Netflix and Yarr

8.-Pirateship

9.-The Triumph of Piracy

Comentarios