A nova edición do Resurrection xunta en Viveiro a Black Flag, Slayer, DRI ou Bad Religion

O Resurrection Fest trae a Viveiro nesta nova edición a outra andanada de grandes nomes do ruído. De Slayer a Blak Flag, pasando por Bad Religion, DRI ou Lamb of God. Unha cita que, ano tras ano, xunta na cidade do Landro a milleiros de persoas procedentes de diferentes países para gozar do que non poucos consideran o mellor festival hardcore do mundo
Resurrection

O Resurrection Fest 2013 ameaza, máis un ano, con dinamitar A Mariña. Un festival cun cartel dos de meter medo, o que tampouco é unha novidade nesta cita musical que leva xa anos celebrándose en Viveiro e convertindo a esta cidade galega nun punto de referencia festivaleiro do panorama hardcore internacional. Só hai que se deixar caer a principios de agosto por Viveiro para se topar con alemáns, británicos, franceses, noruegos ou mesmo estadounidenses, que viaxan até esta vila mariñá para gozar dos cartaces de luxo do Resurrection. Nesta ediciónde 2013 , a cita será entre o 1 e o 3 de agosto.

Neste ano, non faltará de nada. Desde Slayer, esa máquina de triturar e apisonar, até Dirty Rotten Imbeciles (DRI), con 30 anos de carreira ás costas e responsábeis de acelerar o punk-harcore até extremos impensábeis. Mais o cartaz contén moito máis, desde Bad Religion e o seu punk dixeríbel para non punks até Black Flag (aínda que o que vén sexa só un pequeno arrecendo do que foron, un dos grandes piares do estoupido harcore dos 70/80 en EEUU).

Mais no cartaz hai moito, moito máis, desde Lamb of God a Escuela de Odio (100% straight edge desde Asturies Arde!), pasando polos galegos de Bastards On Parade e a súa mistura de punk e música celta; ou a furia dos holandeses de No Turning Back. E aínda hai máis: Killswiyh Engage, Comeback Kid, etc...

Referente internacional

O Resu, como se lle coñece entre @s afeccionad@s, ten achegado a Viveiro a grupos do calado dos Sick Of It All ou os Dead Kennedys, por falar só de dúas referenzas de bandas que construíron a historia do punk-hardcore. En anteriores edicións, tamén desembarcaron nesta cidade grupos como Napalm Death, Toy Dolls, Descendents, No Use For a Name ou ben Misfits, Agnostic Front, Madball, ou No Fun at All.

Comentarios