Cultura

Unha "rúa efémera" homenaxeará a Chano Piñeiro no Festival de Cans

Entre as actividades de recoñecemento ao cineasta polo 25 aniversario da súa morte haberá un proxecto para crianzas feito en exclusiva polos contadores de Polo Correo do Vento.
Chano Piñeiro na rodaxe de 'Mamasunción'  [Festival de Cans].
photo_camera Chano Piñeiro na rodaxe de 'Mamasunción' [Festival de Cans].

O Festival de Cans homenaxea na súa XVII edición o cineasta Chano Piñeiro (1954-1995), con motivo dos 25 anos do seu falecemento. Desde a organización falan do director de Forcarei como "pai do cinema galego contemporáneo, [...] chave na posibilidade de ter un cinema propio en lingua galega".

O recoñecemento terá lugar a través de varias actividades transversais ao longo de todo o certame, de 2 a 5 de agosto, que inclúen o propio cartaz coa bicicleta voadora de Caladiño, unha das súas personaxes máis emblemáticas.

Cans inaugurará unha rúa "efémera" co nome do director durante os catro días do festival, que se recuperará cada edición. Estarán presentes no acto a quinta feira a viúva do cineasta, Mari Luz Montes, e Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa, que asistirán logo a un coloquio no Baixo de Carlos. O evento, limitado a 25 persoas, rematará coa proxección de Mamasunción, cun subtitulado especial para persoas con discapacidades auditivas.

Para crianzas

Por último, estrearase o sábado "Chano Piñeiro, vida contada", proxecto creado en exclusiva polos contadores de Polo Correo do Vento, que narrarán para crianzas a vida e as chaves cinematográficas do creador, cun formato que emprega debuxos feitos a semellanza dos que se empregan na preparación das películas, os story boards. As entradas, 25 como máximo, véndense a tres euros.

Comentarios