Catro Roteiros Literarios en Lugo malia as restricións pola Covid-19

Organiza a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa área de cultura do Concello de Lugo. Terán lugar durante as mañás dos sábados 14, 21 e 28 de novembro, e o 5 de decembro.
Luz Darriba. [Imaxe: Tino Viz]
photo_camera [Imaxe: Tino Viz] Luz Darriba

A concelleira de Cultura, Turismo e Promocion da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, presentou onte o programa de roteiros literarios que organiza a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega durante as mañás dos sábados 14, 21 e 28 de novembro, e o 5 de decembro.

"Trátase dunha nova actividade cultural segura coa que coñeceremos os distintos puntos de Lugo da man de autoras e autores locais", explicou en rolda de prensa.

As actividades son de balde, mais por mor das restricións e protocolos sanitarios a cabida de cada unha estará limitada a 5 persoas.

A inscrición deberá realizarse previamente mediante correo electrónico. Ademais, durante os distintos percorridos será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

"Eis umha flor para o lume e o mar" é o título escollido para o roteiro a cargo de María Casar, este sábado ás 12 horas. Estará centrado na figura de Ricardo Carvalho Calero, coa memoria como chave fundamental para nos mergullar na obra poética do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020.

Percorreranse diferentes lugares que el transitou habitualmente, coa lectura de poemas e textos seus que internan nunha época marcada pola represión.

O roteiro das "Letras Violetas" decorrerá o 21 de novembro da man de Luz Darriba a través das creacións dunha serie de autoras vencelladas á cidade, desde a propia Rosalía de Castro, que dá nome ao parque no que comezará a actividade, até Marica Campo, poeta, articulista, novelista infantil e xuvenil que viviu moi perto deste lugar.

Tareixa Campo, Carmen Blanco ou Adela Figueroa serán outras das protagonistas neste encontro coa literatura.

Antonio Reigosa fará unha achega o 28 de novembro á relación entre "A Xeración Nós e Lugo". Se ben a colaboración de nomes lucenses na nómina do boletín non semella moi destacada, unha ollada máis detida levaranos a personalidades como Bal y Gay, Ánxel Fole, Correa Calderón, Villar Ponte, Lois Peña Novo, Fernández del Riego, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela ou Cunqueiro.

Por último, María Reimóndez fará un roteiro arredor da súa novela As estacións do lobo, o 5 de decembro. A protagonista do texto é Clara, unha adestradora canina, mais tamén a cidade de Lugo. Por iso se propón un percorrido físico polos espazos e temáticas da obra. A andaina incluirá lecturas, intervencións e sorpresas para achegarse doutro modo á peza, que se integra de maneira global no "Ciclo dos elementos" de Reimóndez.

Comentarios