III cabodano

Un roteiro vital e cultural para honrar Francisco Carballo

A Asociación Amigos de Francisco Carballo organiza o terceiro roteiro dedicado á súa figura no marco dos “Lugares de Francisco Carballo”. Terá lugar o próximo domingo, 26 de novembro no Val do Medo, en Maceda, lugar do seu nacemento.

CAPAcarballo400
photo_camera Francisco Carballo

Por terceiro ano consecutivo, a Asociación Amigos de Francisco Carballo impulsa o roteiro vital e cultural vencellado aos lugares en que se desenvolveu a vida dunha das grandes figuras da Galiza do século XX. A actividade que desenvolven con motivo do terceiro cabodano terá lugar no Val do Medo, Maceda, o próximo domingo, día 26, cunha duración aproximada de tres horas.

O programa encetará ás 11.30, no santuario dos milagres cunha concentración na hospedaría do santuario en que tomará a palabra Bieito Seara, ex alcalde de Maceda. Ás 12h, en Baño de Molgas, desenvolverase outra concentración na Ponte Romana, coa intervención do alcalde, Xaime Iglesias. Dez minutos após, as e os participantes dirixiranse ao Igrexario de Asadur, onde, no cemiterio, terá lugar a ofrenda floral, coas palabras de Luís Alfonso Vázquez, médico.

Ás 13.30h, a Biblioteca Francisco Carballo de Maceda acollerá a proxección do vídeo Francisco Carballa, sempre no corazón, do xornalista Xan Carballa, autor, xunto Santiago Pol do libro Conversas con Francisco Carballo. Intervirá Paco Nóvoa, fillo predilecto de Maceda. Unha hora após desenvolverase o xantar de confraternidade no Hotel Monumento Castelo de Maceda (reservas no 988463367).

Teólogo, historiador e sacerdote, Francisco Carballo foi un dos membros do grupo promotor de Sermos Galiza e colaborador do medio. Nado en Maceda en 1925, estudou Teoloxía e Historia en Madrid. En 1973 regresou a Galiza como profesor da Escola Universitaria de Maxisterio. En 1979 foi candidato do BNPG ao Senado e en 1981 condenárono a seis meses e un día de prisión menor e a 20 mil pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia. Durante anos foi o presidente do consello de administración de A Nosa Terra.

Entre as súas obras destacan A igrexa galega; Alexandre Bóveda; Breve historia de Galiza e Martín Sarmiento. Tamén participou nos libros Castelao contra a manipulación, A nosa literatura, o citado Historia de Galicia ou Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70Faleceu o 29 de novembro de 2014 en Salamanca.

Sermos Galiza dedicoulle un monográfico A Fondo en xaneiro de 2015 coa colaboración de persoas próximas a Carballo nas súas diferentes vertentes.

Comentarios