No 40º cabodano de Sebastián Martínez-Risco

Un roteiro rosaliano en 1951

Este ano fanse 40 anos do pasamento de Sebastián Martínez-Risco Macías (Ourense, 1899-A Coruña, 1977), destacado xurista e escritor que presidiu a Academia Galega desde 1960 até a súa morte; alén de poeta el propio, é autor de varios ensaios en que centra a atención nos nosos vates máis representativos, entre eles Rosalía. Deixamos aquí un extracto da información que publicamos ao respeito no número 245 de Sermos Galiza.

[Imaxe: cedida] Sebastián Martínez Risco
photo_camera [Imaxe: cedida] Sebastián Martínez Risco

Repasando a biografía do autor de obras poéticas como 14 Nadaliñas (1973) ou Do recuncho amado (póstuma, 1980), sorpréndenos o dato de que en 1917 –outro centenario–, con apenas 18 anos, impartiu unha conferencia sobre a nosa máis destacada escritora en Zaragoza, onde na altura estudaba Dereito. Desde moi novo mostra, pois, Sebastián Martínez-Risco o seu interese e admiración pola autora de Follas novas, un referente de galeguidade que o vai acompañar ao longo e largo da súa vida, xunto coa para el inesquecíbel lembranza de Castelao. Son os bustos deste e de Rosalía os que custodian a entrada no Centro Galego de Bos Aires, que Sebastián visitou como convidado de honra das súas Xornadas Patrióticas Galegas en 1961 e 1975, e onde tivo ocasión de lembrar o significado destes dous símbolos da nación galega, tamén –ou nomeadamente– na Galiza emigrante e exiliada.

7No entanto, quería referirme agora a un evento rosaliano acontecido en meados de xullo de 1951, que deu a Martínez-Risco nova oportunidade de falar en público sobre a autora. Foi en domingo estival cando o Padroado Rosalía de Castro organizou un roteiro de peregrinaxe polos lugares rosalianos da Maía e as terras de Iria. Segundo recollen os xornais da altura, a caravana estaba constituída por dous autobuses e varios vehículos particulares; a primeira parada é en Ortoño, aldea onde Rosalía pasou os primeiros anos de vida. Lestrove será outra estación obrigada; e na proximidade das Torres de Ermida, ao pé dun grande albedro baixo cuxa sombra protectora tería escrito Rosalía algúns dos seus versos, falou Sebastián sobre a relación franciscana entre a autora e a irmá chuvia; deste feito conserva a familia proba gráfica documental.

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 245, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios