Un roteiro polos lugares de Francisco Carballo

O vindeiro 21 de novembro os amigos de Francisco Carballo organizan un roteiro vital e cultural na memoria do historiador polas Terras de Maceda, onde naceu en 1925. 

photo_camera Francisco Carballo

O percorrido, mantido por Santiago Prol -autor con Xan Carballa do libro Conversas con Francisco Carballo-,  comezará ás 11 horas no Santuario dos Milagres, no Monte Medo, que incluirá referencias vitais, breve explicación histórica e paisaxísstica da contorna e da explotación mineira romana. Tamén se visitará a igrexa e a aula magna do colexio novo. 

Logo desprazaranse a Asadur, onde terá lugar unha ofrenda floral no cemiterio, para logo trasladarse a Celeirón, o seu lugar natal, onde se falará sobre a súa infancia e a súa casa matricial. 

O encontro continúa na biblioteca pública da vila de Maceda, onde se proxectará un audiovisual sobre a súa personalidade realizado por Xan Carballa. E remata cun xantar de confraternidade. 

Francisco Carballo, nado en Asadur (Maceda) o 8 de marzo de 1925 e finado en Salamanca o 29 de novembro de 2014, deixou unha obra de enorme significación para a comprensión do século XX na Galiza, desde as perspectivas da historia, o xornalismo e a teoloxía. Implicouse desde sempre no impulso de iniciativas culturais no ámbito do nacionalismo, como A Nosa Terra, e foi membro fundador do Sermos Galiza. 

Comentarios