Os rostros da arte galega centran a mostra de Anxo Cabada no Museo de Pontevedra

A mostra inaugurarase a próxima sexta feira día 4 de novembro e poderá visitarse até o 15 de xaneiro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Xaquín Chaves nunha fotografía de Anxo Cabada (Foto: Anxo Cabada).
photo_camera Xaquín Chaves nunha fotografía de Anxo Cabada (Foto: Anxo Cabada).

Un diálogo coas persoas creadoras da beleza do país: ese é o desafío que presenta ‘Sombras atlántica. Retratos da arte galega’, unha exposición na cal o fotógrafo Anxo Cabada se centra nalgúns dos rostros da pintura e a escultura que marcaron o devir da arte na Galiza nos últimos 50 anos.

A mostra inaugurarase a próxima sexta feira día 4 de novembro e poderá visitarse até o 15 de xaneiro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

34 artistas

A exposición reúne retratos en branco e negro de 34 artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia na Galiza. As fotografías foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea os primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.

Na mostra encóntranse persoas creadoras que despuntaron nos 70, como Silverio Rivas, Jorge Castillo ou Manuel Buciños, e que pertenceron ou se vincularon ao grupo Atlántica, que na década dos 80 contribuíu a reactivar as artes plásticas na Galiza e darlles presenza no exterior.

Naquelas xeracións a visibilidade de mulleres artistas era reducida, algo que se buscou mudar, sendo que na mostra case a metade dos retratos son de mulleres artistas, como Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira ou  Pamen Pereira.

Anxo Cabada, fotógrafo e profesor

Anxo Cabada, fotógrafo e profesor, é natural de Sabucedo (A Estrada) e leva catro décadas fotografando o territorio galego en proxectos nos que abordou diferentes temáticas como mar ou as vilas galegas.

Comentarios