FRANCISCO DÍAZ-FIERROS, ESPECIALISTA NA FIGURA DE ROSENDO SALVADO

“Rosendo Salvado é o De las Casas de Australia”

Tanto en Galiza como en Australia estase a recuperar do esquecemento a figura deste frade benedictino que loitou polos dereitos dos aborixes como bispo da misión de Nova Nursia no século XIX. 

rosendosalvado
photo_camera Rosendo Salvado [imaxe do CCG]

Hoxe o Consello da Cultura Galega presentaba a publicación 'Rosendo Salvado e o mundo aborixe de Australia', que recolle as actas do Congreso celebrado en 2014 arredor da súa figura. A publicación, que xa se pode descargar, dá conta da relevancia do frade, quen desenvolveu en Australia un asentamento misioneiro desde un revolucionario punto de vista en época colonial, baseado na defensa dos dereitos dos aborixes. 

Falamos con Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG, que leva anos analizando e investigando sobre a figura de Rosendo Salvado (Tui 1814-Roma 1900), e é autor dun dos artigos incluídos na publicación. 

- Salvado segue a ser coñecido en Galiza fundamentalmente como o introdutor do eucalipto...
- Eu creo que iso nos últimos tempos foi abeirado, porque foi unha tema absolutamente marxinal. A dimensión deste personaxe galego é extraordinaria. Cando chegou Salvado a Australiza loitou duramente contra a marxinación da cultura aborixe australiana, e contra maltrato e o desprezo co que os trataban os colonos. El fixo un traballo de culturización, de inmersión na cultura indíxena, porque eincorporou as tradicións, a música, e sobre todo centrouse moitísimo na educación e no traballo sanitario cos nenos. Daquela época quedou como un exemplo do que se debía facer nas colonias británicas. A principal sanitaria daquel momento, a que creou a enfermeiría moderna, poñía como exemplo do que se debía  facer nas colonias británicas o que se estaba a facer en Nova Nursia, a misión que tiña encomendada o Padre Salvado. O que se estaba a facer alí era culturizar, pero aproveitando o substrato tradicional que existía. Aos nenos dáballes unha educación moi moderna, con moita liberade. Era un personaxe extraordinario, adiantado ao seu tempo. Para moitos é o De Las Casas de Australia. 

rosendosalvado-CCG

- El era moi coñecido naquela época en Galiza, non?
- Si, el volveu a Galiza catro veces e era un home buscado por todos. Mesmo a raíña lle tiña moita consideración. De feito, agasallouno cun Stradivarius para unha orquestra de corda que chegou a crear en Nursia formado integramente por aborixes. 

- En Australia tamén e valorado e está a ser moi estudado, non é?
- Ben... máis nos últimos tempos. Australia foi un continente que recibiu achegas culturais de toda Europa, aínda que a dominante foi a anglosaxona, e as outras tradicións (hispana, italiana...) non foron valoradas até despois do século XX. En xeral os europeos ían sempre con afán de superioridade, e non era fácil atopar europeos que aceptaran as tradicións aborixes. Iso foi o que fixo Salvado e poucos máis. Nos últimos tempos isto estase revalorizando, e na actualidade é un personaxe coñecido, estudado e aprezado nese continente. 

"Mesmo a raíña lle tiña moita consideración. De feito, agasallouno cun Stradivarius para unha orquestra de corda que chegou a crear en Nursia formado integramente por aborixes". 

- Tamén fixo estudos etnográficos sobre os aborixes. 
- Fixo. Porque el ademais era un home absolutamente metódico en todo. Era un home de empresa, el a misión concibiuna sempre como algo que fora autónomo e que había que coñecer moi ben e valorar a contorna na que estaba situada. Fixo estudos e anotacións dos costumes dos australianos. Ten feito unha árbore xenealóxica das distintas tribos por razóns de coñecemento pero tamén para evitar matrimonios de consanguinidade. Por exemplo, algo que non había en España naquela altura e moito menos en Galiza, levaba un control antropométrico de todos os nenos nas escolas. Medíaos, pesábaos e controláballe a alimentación cada ano. 

- E ademais foi un grande músico. 
- Foi organista de San Martiño Pinario, cando era un dos mosteiros máis importantes da Península. Esa formación musical levouna para alá, daba concertos de piano e foi polo que creou un grupo de corda e tiña unha banda de metais, un coro... A música non só era unha afección, senón tamén un método educativo. Consérvanse partituras, de feito nestas xornadas do Consello interpretáranse varias destas obras que fixera Salvado para piano.

A presentación no Consello da Cultura completouse cun relatorio da profesora australiana Anna Haebich [na segunda imaxe, xunto con Díaz-Fierros e Ramón Máiz] sobre o legado musical de Salvado na educación dos aborixes que  podedes descargar aquí

Comentarios