Antoloxía a cargo de Belén Bouzas e Armando Requeixo

'Roseira de rosas roxas': vinte poetas distinguidas no premio Leiras Pulpeiro

Roseira de rosas roxas é un verso de Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912). Agora tamén é o título do libro que recolle a obra premiada de vinte autoras no certame a nome do poeta, médico insigne dos pobres e republicano militante.

 cuberta
photo_camera Detalle da cuberta de 'roseira de rosas roxas'. Imaxe: cedida.

As sete edicións do Premio Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo, veñen servindo de radar e escaparate, de escolma en tempo presente e arquivo de promesas. “Os vinte nome premiados configuran un mostrario xeracional, estilístico e temático de gran riqueza e variedade”, sinalan no limiar os editores do libro, o crítico Armando Requeixo e a investigadora Belén Bouzas, “a carón de novas autoras e autores comparecen creadoras e creadores de andaina consolidada”.

Así, ao pé de Elvira Ribeiro (Pontevedra, 1971) ou Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) figuran Óscar García Ramos (A Coruña, 1967) ou Olalla Barro (Lugo, 1982). E outras que foron adquirindo relevo editorial pouco despois de resultar premiados en Mondoñedo: Eduard Velasco (Barcelona, 1982) ou Miriam Ferradáns (Bueu, 1982). Lorena Souto (O Páramo, 1983), Xurxo Martínez (Vigo, 1984) ou Alberte Momán (Ferrol, 1976) están tamén incluídos no volume.

Roseira de rosas roxas ofrece “as obras que no seu día resultaron distinguidas e que, en non poucos casos, se viron logo integradas en publicacións maiores onde os autores e autoras as deron a coñecer en versións revisadas”. É dicir, a antoloxía, cuxas páxinas reproducen “os conxuntos poéticos gañadores”, cumpre tamén a función de depósito de inéditos ou de escritas alternativas de poemas logo fixados con variantes.

A edición da escolma, con cuberta do artista Caxigueiro, corre a cargo de concello, Deputación de Lugo e Xunta, as tres institucións colaboradoras no certame. E quere ser tamén homenaxe a Leiras Pulpeiro, “a gran voz fundacional da poesía mindoniense moderna”, do que o seu epitafio na campa da vila asegura que “amou a verdade e practicou o ben”.

Comentarios