martes 31.03.2020

O 'rosalianismo' toma as rúas da Galiza

De norte a sur. De leste a oeste. Cidades e vilas. Institucións públicas e entidades de base. A comuñón arredor da figura de Rosalía de Castro foi total no día en que se cumprían 183 anos do seu nacemento, con multitude de actos de homenaxe, que incluíron recitais, concertos, lecturas conmemorativas ou ofrendas florais.
Mercedes Queixas, declamando Rosalía de Castro na lectura celebrada na Coruña. (Foto: Xurxo Lobato)
Mercedes Queixas, declamando Rosalía de Castro na lectura celebrada na Coruña. (Foto: Xurxo Lobato)

A devoción, respecto e fonda admiración que o pobo galego sente por Rosalía de Castro quedou demostrada durante a xornada de onte. 

Centos de actos distribuídos por toda a xeografía galega, como lecturas conmemorativas, homenaxes e ofrendas, leváronse a cabo para celebrar  o 183 aniversario do nacemento da "poeta nacional", tal e como a definiu a tenente de alcalde de Santiago, Mercedes Rosón.

Fíxoo no primeiro acto dos convocados pola Fundación Rosalía de Castro para homenaxear á autora, que consistiu nunha ofrenda no monólito que lembra a súa figura na Praza de Vigo de Compostela, o lugar no que se levantaba a Casa da Parra, na que naceu a poeta cando esta área da capital compostelá era aínda parte do veciño municipio de Conxo, hoxe integrado na cidade.

Foi precisamente neste evento no que Xosé Manuel Durán, da Asociación Raigame, reivindicou a importancia simbólica deste lugar e apostou por "facer máis visíbel o lugar de nacemento de Rosalía". "Para nós é un tesouro, e gustaríanos que nalgún momento se puxese en valor, como merece", explicou.

Durán e a tenente de alcalde de Compostela tamén lembraron que nesta praza atopábase a casa natal de Rosalía, que foi derrubada nos anos 70 do século pasado para a construción dun aparcadoiro subterráneo.

"O pobo ama a Rosalía"

Moitas das homenaxes celebradas durante a xornada de onte estiveron organizados pola Fundación Rosalía de Castro, co seu presidente á fronte, Anxo Angueira, que destacou "grandes novidades" no ámbito do poeta este ano, como a estrela Rosalía de Castro. 

"O pobo está con Rosalía, o pobo ama a Rosalía e tena como un referente", explicou Angueira, que sacou a colación a recentemente descuberta carta inédita do poeta para explicar que "aínda poden aparecer máis cousas" dela.

Compostela tamén acolleu, logo do acto celebrado na Praza de Vigo -que rematou coa música das gaitas- un roteiro que percorreu varias rúas da capital galega até a Alameda, onde se realizou unha nova ofrenda ante a estatua da autora, inaugurada no ano 1917.

Posteriormente, o Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, acolleu un acto institucional de homenaxe no que se leron poemas de Rosalía de Castro e escoitáronse interpretacións musicais.

Xa pola tarde, na sede da Fundación Rosalía, fíxose unha nova degustación do Caldo de Gloria, realizado segundo a receita que a poeta describe en Miña casiña, meu lar e que, nos últimos anos, converteuse nun elemento tradicional desta conmemoración. De feito, máis de 200 locais de hostalaría de distintos concellos uníronse de novo a esta proposta, ofrecendo o caldo rosaliano para celebrar o 183 aniversario do seu nacemento.

Tamén pola tarde, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga da Coruña, en colaboración coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda, unha lectura pública da obra de Rosalía, que deu continuidade ás realizadas esta pasada fin de semana en distintos puntos esparexidos por todo o país.

A cidade de Ferrol -xunto co Ateneo Ferrolán-, Lugo e Vigo tamén acolleron actos promovidos pola AELG, nos que se leron un manifesto redactado por Daniel Asorey e se recitaron textos da escritora.

Pola súa banda, a Real Academia Galega uniuse á celebración facilitando o acceso libre á sección de discursos da sección de publicacións da súa web, no que se atopan textos e outras alocucións dedicadas a Rosalía de Castro e pronunciadas en cerimonias similares por persoas como Ramón Otero Pedrayo, Luz Pozo Garza, Bernardino Graña, Arcadio López-Casanova, Marina Mayoral, Basilio Losada ou o protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero.

Do mesmo modo, os actos conmemorativos estenderanse aos próximos días, nunha semana rosaliana nos centros escolares, unha área na que a celebración de Rosalía cobra especial relevancia. Nesta ocasión, esta prolongación vese influenciada tamén por conmemorarse este Día de Rosalía o luns de Entroido, que foi non lectivo.

comentarios