Maneiras de ver Rosalía

Rosalía, toda unha patria

No 180 aniversario do seu nacemento, Sermos Galiza pon a disposición de lectoras e lectores máis de dúas ducias de maneiras de ver Rosalía. DESCARGA O PDF!

Ro

Durante o ano 2013, e no contexto do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, Sermos Galiza deu a luz, como parte do proxecto Análise e divulgación de Cantares Gallegos, promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña, un total de 23 páxinas, unha cada semana, recollendo diferentes aspectos da presenza pública de Rosalía e algunhas das iniciativas levadas a cabo durante aquel ano. Tamén, e como complemento daquelas páxinas,  publicamos un caderno A Fondo titulado Rosalía de Castro, a liberación das tebras.

Agora, en febreiro de 2017, no 180 aniversario do nacemento de Rosalía, ofrecemos novamente aquela publicación, indexada e en formato pdf para descargar libremente desde as páxinas de Sermos ou para ler directamente desde a tenda da AS-PG. É a pequena contribución de Sermos Galiza para seguirmos avanzando no coñecemento de Rosalía.

A meniña morena

O primeiro dos textos, da autoría de Francisco Rodríguez, transcribe, e contextualiza, un poema de Rosalía publicado en La Soberanía Nacional. A partir de aquí veñen outros mais relacionados coa efeméride dos 150 anos de Cantares. Tal é o caso da crítica que Carlos Serantes fai ao disco producido pola AS-PG  en que Tempo Catro musica 11 poemas de Cantares Gallegos, sen esquecer, como fai Carlos Arias, que Amancio Prada representou un “paso incrible para un recoñecemento masivo da nosa capacidade expresiva”
Pilar García Negro analiza a presenza da “meniña morena” e como Cantares representa a vitalidade do pobo e as súas capacidades organizativas.

Un libro, unha patria.

É esta a tese de X. L. Axeitos que, nun artigo titulado Un libro unha patria, afirma, en referencia a Cantares, que “un libro é a nosa esencia fundacional como nación”. Chegan logo outros artigos, como de Katheen March, para quen “Rosalía soubo escreber como ninguén a Terra”, en referencia ao poema Campanas de Bastavales; ou o recuperado texto de Carvalho Calero, publicado en 1973,  que fala da necesidade de desmitificar Rosalía sen por iso deixar de ser símbolo colectivo.

Segue un texto que retoma as palabras de Carvalho para mostrar a necesidade de pormos gravacións das obras de Rosalía, como teñen outras literaturas, a disposición do público. Quer dicir, ademais de podermos ler Rosalía, temos que poder escoitala, como, por exemplo, sucede con El Quijote. Neste sentido, valóranse, noutro artigo, os traballos que a AS-PG ten feito para achegar Rosalía a todos os públicos, quer a través da música, do cinema ou do ensaio, nunha liña moi próxima á expresada por Mercedes Queixas e a necesidade de aproveitar, escolarmente falando, Rosalía.

Novamente Francisco Rodríguez nos aproxima á Rosalía que realiza a defensa máis afervoada do pobo galego fronte a quen pretendía “reducilo a un fato de bárbaros selvaxes”

A descuberta individual

A nosa curiosidade humana pode romper moitas barreiras. Iso é o que exprime Marta Da Costa ao lembrar como foi a súa curiosidade infantil a que a aproximou a un pacote no fondo dun armario. Alí algúns títulos, entre eles Cantares. E a partir de aquí todo normal, unha nena castelán falante le Cantares sen se decatar que está escrito en galego.

Chegan agora unha serie de artigos de caracter máis formal. Celia Armas céntrase no contexto literario e político en que aparece Cantares Gallegos; a problemática da restauración do galego escrito no século XIX é o tema do traballo de Xosé Ramón Freixeiro Mato

A escrita oportunista

Neste amplo traballo non podía ficar fóra o oportunismo, a utilización de Rosalía como mercadoría. Isto é o que analisa Xurxo Borrazás ao comentar os prólogos que Alberto Núñez Feijóo, Pilar Rojo e Ramón Villares fan á edición facsimilar de Cantares.

Veñen a seguir outras colaboracións de carácter máis lingüístico. Para Goretti Sanmartín a maneira que Rosalía ten de defender a patria é, desde a primeira obra, a través da lingua mentres César Morán reclama a necesidade de ler Rosalía nas aulas, cuestión que, sen a negar, valora de maneira algo diferente Marga do Val: “Cantares agarda para ser lida por puro gozo,sen pensar en aspectos pedagóxicos e didácticos. Suso de Toro e Francisco X Barreiro afondan no papel de Rosalía e de Cantares no nacemento do sistema literario galego. 

Coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía, Sermos Galiza tamén ofrece 10 por cento de desconto para as compras dos seus libros en papel durante os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro

Finalmente son Laura Tato, ao falar da produción crítica sobre Rosalia no 150 aniversario de Cantares, e Aurora López e Andrés Pociña, que fechan a serie  de textos, ao referir como o 150 aniversario non pasou en silencio mais aínda así hai moitas luces e sombras, salientando especialmente o contributo de Carvalho Calero para dar luz sobre tanta sombra.

O PDF complétase cun estudo de 8 páxinas, un A Fondo na terminoloxía de Sermos, titulado Rosalía de Casto, a liberación das tebras.

Coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía, Sermos Galiza tamén ofrece 10 por cento de desconto para as compras dos seus libros en papel durante os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro

Podes descarregar o pdf desde este artigo, tamén o tes disponíbel na nosa loxa.
 

Comentarios