Rosalía séntese aCadaCanto en Compostela

Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero son aCadaCanto, as catro beiras dunha agrupación que sorprendeu coa súa nova visión sonora de Rosalía. En “A Rosa d´Adina” achéganse a seis poemas da autora que esta sexta feira se sentirán no Salón Teatro de Compostela.

aCadaCanto
photo_camera aCadaCanto

“A Rosa d´Adina” xunta de novo a catro dos grandes nomes da música galega para recrear á poeta que se converteu na máis recoñecida “letrista” da canción galega. Con este novo traballo, o cuarteto xirou por todo o país e recala agora en Compostela, nun concerto que terá lugar no Salón Teatro ás 21 horas e no que volverán a poñer música aos poemas de Rosalía, como levan facendo desde que no pasado verán presentaran o novo traballo no Claustro da Catedral de Tui, dentro do festival “Música no Claustro”. Por medio do festival, aCadaCanto presentouse no Fesitval Hifa, en Harare, Zimbawe e levarán o seu traballo ao Estival, cun concerto o día 5 de xullo nese encontro musical que se desenvolve en Cuenca.

A proposta de A Cada Canto foi a última das aportacións musicais no ano de Rosalía, no que se conmemorou o 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos” con “Rosa d´Adina” (Músicas de Salitre), seis poemas trasladados á voz de Guadi Galego e Xabier Díaz coa guitarra de Guillerme Fernández e o acordeón de Xosé Lois Romero, unha formación que por segunda vez asinaría un disco, logo de se presentar cunha proposta que nacía polo encontro dos catro músicos sen, en principio, aventurar continuidade. “Dende a Limia”, “Tecín”, “Este meu camiño”, “Levoume o río”, “Onde pousei a infancia” e “Aló” son os seis poemas que A Cada Canto recolle no seu disco.

Comentarios