Caderno de Verán

Rosalía Pop: a evolución da imaxe de Rosalía de Castro até a actualidade

Noutras literaturas son homes os que portan o título de “escritor nacional”, porén na Galiza é unha muller, porque Rosalía de Castro identificouse co pobo e deulle voz na súa propia lingua, xerando esperanza e dignidade para a cultura galega.
rosalia máscara
photo_camera O último deseño de Rei Zentolo sobre Rosalía totalmente actualizada levando unha máscara / Cedida por Rei Zentolo

Alejandra, abre a xanela, que quero ver o mar”. Rosalía de Castro pronunciaba estas palabras na súa casa de Padrón durante a agonía dos seus últimos instantes de vida antes de morrer por mor dun cancro de útero o 15 de xullo de 1885, hai hoxe 136 anos. A poeta de 48 anos viviu longas noites cheas de sufrimento das que naceron versos que clamaban polo repouso definitivo. Rosalía identificaba a morte co mar, mais non nun sentido metafórico como outros moitos poetas da época adoitaban relacionar, senón que nos seus poemas escribe sobre un mar real que viñese por ela e lle permitise descansar. “Mamá, pero aquí non hai mar”, diría a súa filla maior, Alejandra, ao escoitar a última petición de súa nai antes de morrer. Pero Rosalía sabía que o mar estaba a chegar.

A día de hoxe, 136 anos despois da súa morte, Rosalía segue máis presente ca nunca na sociedade galega e mesmo internacional. Non se pode entender a literatura contemporánea ou o movemento feminista galego na actualidade sen a obra de Rosalía, quen, ademais, lle devolveu á nosa lingua o seu carácter de lingua culta durante o Rexurdimento, xunto a outros poetas como Curros, Pondal ou Lamas Carvajal. Nai de sete fillos e cónxuxe de Manuel Murguía, a poeta descansa hoxe no Panteón de Galegos Ilustres, na Igrexa de Bonaval da cidade de Compostela.

Ademais de ser unha icona das letras galegas, Rosalía de Castro foi unha das pioneiras do feminismo. Nos seus versos trataba os problemas das mulleres galegas e defendía a independencia, a liberdade e a igualdade como principios básicos do seu pensamento. “Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos, aínda que arredor sentira, xa dende o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre. Porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude”. Así declara Rosalía no seu artigo Lieders. Por iso, nos nosos tempos, as manifestacións do 8M lucían pancartas reivindicativas con versos da poeta ou co seu rostro para loitar pola igualdade entre xéneros.

Este proceso de popularización da imaxe de Rosalía de Castro obtivo un gran éxito entre as xeracións máis novas que chegan a ela dende unha perspectiva contemporánea 

Ao longo dos anos, Rosalía de Castro foi falsamente santificada, considerada unha novelista frustrada e “rexional” que trataba temas domésticos, pero, como afirma Pilar García Negro, “hoxe lemos e entendemos á Rosalía de Castro histórica e non á histérica”. Co paso do tempo, a imaxe de Rosalía foi mudando e, probablemente, non hai outra figura do século XIX que siga tan viva na actualidade converténdose nunha icona totalmente modernizada que non deixa de xerar creatividade arredor dela ou da súa obra. Por iso, aínda que a escritora morreu hai hoxe exactamente 136 anos, está máis viva ca nunca e podemos atopar a súa figura adornando calquera obxecto: camisolas, cuncas, cartaces, suadoiros, cadernos... Mercadorías que venden un produto: a Rosalía Pop, unha reinvención da imaxe da poeta para achegala aos tempos da sociedade de consumo actual e, desta forma, mantela viva a ela mais tamén os seus versos, a súa lingua, o seu feminismo. O éxito da comercialización do produto Rosalía pop provocou que, a día de hoxe, case sexa máis habitual atopar unha imaxe da poeta ao estilo Andy Warhol que o retrato que Antonio Portela fixo dela coa mesma intención que a mercadotecnia actual: construír un símbolo.

Se ben existen numerosos escritos e estudos sobre a vida e obra de Rosalía de Castro, até época recente non se abordara a análise da súa imaxe. No 2014 , Fernando Pereira publicou a obra Rosalía de Castro: Imaxe e realidade, un estudo iconográfico no que se analizan as diversas interpretacións que se fixeron da imaxe de Rosalía de Castro por parte de varios artistas e de varias épocas diferentes. Trátase dunha escolma de retratos que pretende conxugar as numerosas visións que se teñen e se tiveron de Rosalía  co transcurso dos anos. Como o propio autor indica, “todo o material icónico que xerou a poeta contribuíu e contribúe a que a súa figura sobreviva no tempo e alcance unha maior popularidade e visibilidade”.

Este proceso de popularización da imaxe de Rosalía de Castro obtivo un gran éxito entre as xeracións máis novas que chegan a ela dende unha perspectiva contemporánea para admirárena como icona da Galiza. Un dos exemplos máis claros de modernización da imaxe da poeta son os deseños da marca Reizentolo que, de maneira warholiana, creou unha das representacións de Rosalía máis recoñecidas na actualidade. A propia marca argumenta a necesidade de crear unha sección enteira de produtos con temática rosaliana na súa páxina afirmando que Rosalía de Castro é “unha gran poetisa e escritora que, como tantas outras, careceu do debido recoñecemento en vida; por iso e moito máis, merece unha sección enteira”. Reizentolo vende camisetas, calcetíns, fundas de teléfono, coxíns, bolsas de tea, mochilas e cuncas coa súa propia representación de Rosalía, cun extraordinario éxito de vendas. Ademais, debido á situación de pandemia e á necesidade de levar máscara, Reizentolo presentou un deseño novo: a camiseta unisex de Rosalía cunha máscara cirúrxica. Tan actual é a poeta que até se adapta as condicións sanitarias!

Ademais, a imaxe de Rosalía tamén protagonizou diversas campañas, como a de Cabreiroá no 2011 e a de Iberia Express no 2017, ambas con motivo da celebración do día de Rosalía, unha iniciativa que xa levara a cabo a compañía aérea Norwegian Airlines, que rotulou a cara da poeta nun dos seus avións. Rosalía sucando os ceos como a superheroína que é. E para superheroína a dos carteis oficiais do festival Rosalía, tamén no ano 2017 e nos  dous seguintes, que apareceu caricaturizada cunha capa e un anteface. Nese mesmo ano tamén se levaron a cabo algunhas exposicións de artistas que abordaron as representacións de Rosalía de Castro, como Xurxo Lobato, o fotógrafo que creou a mostra “Airiños Aires, Rosalía”, un conxunto de 57 imaxes de gran formato que conformaron a exposición impulsada pola Fundación Rosalía de Castro. 

É certo que o corpo da poeta morreu o 15 de xullo de 1885, pero todo o que ela simboliza segue máis vivo ca nunca; porque Rosalía é libre e nada pode deter a marcha dos seus pensamentos.

Comentarios